Unha publicación homófoba provoca concentracións, mocións e reproches contra a asociación de empresarios sadense

Vista do Pazo de Meirás

Sada atópase, moi ao seu pesar, inmersa noutra festa de recreación histórica. Como se as torres de Meirás rezumasen aínda a peor esencia das vacacións estivais do dictador, a asociación de empresarios da localidade fixo saltar a vila mariñeira a informativos estatais por un artigo homófobo publicado polo secretario da entidade no xornal gremial.

No artigo, asinado por Eduardo Lorenzo Martínez, avogado e secretario da Asociación de Empresarios de Sada no último número do xornal mensual O Mariñán poden lerse frases como “una cosa es el homosexual discreto y respetable y otra muy distinta el maricón ostentoso”, defínese o desfile do orgullo LGTBI como “grotesco, con engendros, andróginos y estrógenos con patas” e equipárase a homosexualidade co incesto porque “no permiten la procreación”. O artigo, xa desde o inicio deixa clara a intención ao titularse “la homosexualidad es pecado”.

Porén,  o presidente da asociación de empresarios, Bernardo Valiño, defende ao seu secretario e entende que “el artículo es correcto y respetuoso” e sorprendementemente asegura que “su intención no es ofender”. Non debe ser desde logo a opinión dos comerciantes e empresarios da vila, que durante o día de onte se desligaban, por medio das redes sociais, da entidade e o xornal. Varios, incluso, advertindo que malia figurar como asociados, integrados na “asociación de Valiño” ou aparecer como anunciantes e polo tanto patrocinadores do xornal, hai anos que non teñen relación con ela.

O xornal O Mariñán destacouse nos últimos anos pola súa campaña contra o goberno local de Sada, arremetendo mesmo con descualificacións persoais contra os seus integrantes por non pregarse á súa intención de entregar o hotel construído na rotonda da vía que une o porto, Fontán e Lorbé a unha universidade privada portuguesa, o grande proxecto do PP de Ernesto Anido para reter o goberno da localidade. Por este motivo moitos se preguntaban onte cantos socios compoñen realmente a “asociación de Valiño” ademais de criticar o ton e contido do xornal nos últimos anos.

Diante deste revival franquista, a veciñanza de Sada plantouse. Ademais das críticas dos comerciantes cara a entidade que os di representar, ten xurdido unha plataforma que exixe a dimisión da directiva da asociación e a retirada de anuncios dese xornal. Ademais, está convocada unha concentración cívica o domingo 4 de xuño, ás 12 horas, na Praza de San Roque de Sada.

O goberno local manifestou o seu rexeitamento a este tipo de manifestacións e os tres partidos do executivo fixeron cadansúa condea. PDSP e PP, pola contra, gardan silenzo. O BNG xa anunciou que levará o asunto ao pleno en forma de moción, para reprobar estas manifestacións contrarias á “Sada de personas libres, diversas e orgullosas” que defenden.

A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (Alas) e o grupo de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (LGTB) do Partido Socialista da Coruña anunciaron que solicitarán á Fiscalía da Coruña e tamén á Valedora do Pobo que “emprendan as medidas oportunas” xa que entenden que pode ser un delicto de incitación ao odio.

Advertisements