Oroza e senadores do PP piden ao goberno que amplíe o prazo para devolver os 12,5 millóns

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño, coa deputada de En Marea Yolanda Díaz, ao anunciar as iniciativas do grupo Unidos Podemos idénticas ás demandas do PP neste asunto

O alcalde de Miño, Ricardo Sánchez Oroza (MPA), e o seu tenente alcalde e exrexedor Jesús Veiga (PP) mantiveron en Madrid unha entrevista co secretario de Estado de Facenda, José Enríquez, para pedir unha ampliación no prazo de devolución do préstamo de 12,5 millóns para pagar parte da débeda aos expropiados de Fadesa. A entrevista foi amañada por dous senadores do PP presentes tamén na xuntanza.

O alcalde explicou as dificultades do Concello para devolver o crédito de 12,5 millóns nos dez anos que establecían as condicións en base ás que solicitou o empréstito. Orixinalmente o endebedamento ía ser pola metade da contía para poder devolvelo neses dez anos pero no último momento Oroza e o PP dobraron a cantidade e agora sosteñen que non poden devolver o importe no prazo acordado.

Na súa campaña para demandar que lle amplíen o prazo de devolución máximo deste empréstito solicitado voluntariamente polo executivo local Oroza xa conseguiu que En Marea apoie ao goberno local de Miño. Yolanda Díaz anunciou á par do rexedor que presentarían varias iniciativas no Congreso no mesmo sentido que onte o PP trasladou directamente ao secretario de Estado de Facenda.

Advertisements