PSOE e BNG cuestionan que o goberno de Miño volva cambiar de criterio sobre a ORA

O “triángulo” e a estrada da praia, dous lugares nos que Oroza e o PP queren cobrar ORA

Sorpresa ante os “vaivéns” do goberno de Miño coa ORA. PSOE e BNG cuestionaron que o bipartito MPA-PP volva cambiar a ordenanza para renunciar ao pago fraccionado que o pleno acordou por unanimidade en xuño de 2016 e que nunca chegou a aplicarse debido a que o goberno local non publicou a norma ata pasado aquel verán impedindo que entrase en vigor.

O PSOE critica que o novo cambio na ordenanza inclúa a regulación do aparcamento limitado nun tramo da estrada DP-4803, de titularidade provincial sen que conste autorización. “É inaudito que se leve ao pleno a aprobación dunha modificación da ordenanza baseada na especulación”, criticou o seu portavoz, Manuel Vázquez Faraldo. Os socialistas sosteñen que non hai autorización da Deputación, titular da vía, para cobrar o estacionamento sobre esta estrada.

O BNG, pola súa banda, insistiu en suprimir a ORA despois de que o goberno local recoñecese “que nin sequera está garantido que se vaian a cubrir os soldos das persoas contratadas”, explicou a portavoz do BNG, Olalla Barro. “O goberno local non sabe o que quere. O ano pasado aprobou unha ordenanza que nunca se chegou a aplicar e este ano propoñen modificala de novo para eliminar os pagos fraccionados que implantaron o ano anterior. É lamentábel”, criticou Barro, “nós temos moi claro o que queremos, que eliminen a ORA” sostén a nacionalista.

“Parécenos surrealista que a veciñanza, sobre todo a dos núcleos rurais de Miño, e visitantes de Miño esteamos pagando por aparcar e que o Concello, que sextuplica a débeda permitida pola lei, perda cartos con este servizo como recoñece o propio alcalde”, engadiu a portavoz nacionalista, “como pode ser que a implantación da ORA vaia provocarlle perdas o concello entón que nos expliquen logo cal e o fin da súa existencia?”, declarou Olalla Barro portavoz do BNG de Miño.

“Desde o BNG consideramos que a ORA é un sistema inxusto socialmente no que paga o mesmo una persoa que este no paro como un millonario, e ademais que os veciños que viven no rural de Miño e que son os que visitan Miño a diario para ir os centros de saúde, bancos ou comprar ou mesmo a praia son sobre os que vai recaer principalmente esta taxa. Neste sentido o BNG mostrouse sempre contrario a este sistema sendo partidario de que se financien os servizos pagando en función dos ingresos de cada quen e que o vivir no rural non supoña encima un pago maior de impostos”, declarou Barro.

Advertisements