O BNG pide afondar na transparencia e participación veciñal

Pleno en Betanzos

O BNG reclamou ao goberno local que aclare por que se nega a “poñer paredes de vidro ao Concello”. As nacionalistas explican que “presentamos seis folios de achegas á ordenanza de transparencia para garantir o dereito da veciñanza a acceder a toda a información do Concello pero o PSOE non as incorporou”.

As nacionalistas cuestionan que o goberno local se negue a garantir maior transparencia en torno ás subvencións que o Concello outorga, sexan en procedementos abertos ou “a dedo”. “Ademais dun plan de subvencións que non hai, entendemos que a veciñanza ten dereito a coñecer os proxectos das entidades que financia cos seus impostos e as finalidades que perseguen” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Outras das demandas do BNG era publicar todo o relativo ás entidades das que o Concello é socio ou integrante e aporta cartos- Consorcio das Mariñas, Consorcio de Benestar, Asociación do Camiño Inglés, etc- e, sobre todo, “daquelas entidades onde o Concello aportou o 50% ou máis do seu capital fundacional, como é o caso da Fundación CIEC”. “Se os nosos cartos van para estas entidades, o lóxico é que poidamos saber en que se gastan, canto aportamos, quen o decide…” explica o edil nacionalista.

“Cremos que a veciñanza ten dereito a saber canto nos custa exactamente ás betanceiras o goberno local” explica Del Río. “A veciñanza ten dereito a saber, ademais dos soldos, que e canto lle paga ao goberno e a diferenza co resto da Corporación, para opinar fundamentadamente e non pensar que todos os concelleiros teñen soldo, coche e teléfono do Concello porque é inxusto pensalo”, explica.

Para o BNG, non facer públicos todos estes gastos do Concello é unha cuestión de vontade política. “O PSOE non quere que se saiba, eles saberán por que”, explica Del Río. “Non é unha cuestión de imposibilidade técnica, como aseguraron no Pleno, é que non queren que se saiba”, puntualiza, “pero van ter que dala igual porque hai dúas leis de transparencia que obrigan a dar estes datos a quen os pida”.

O BNG votou, malia non incorporar case ningunha achega nacionalista, a favor da ordenanza. “Se a cumpren, vai ser algo positivo” explica Del Río. “Agardamos que esta ordenanza sexa das que o goberno local decide cumprir, non como está a acontecer coa do uso do galego aprobada o pasado ano”, ironizou.

Advertisements