O goberno local multará panfletos e pancartas nas rúas para reducir a contestación veciñal

Un cartel anunciador nunha farola, incumprindo a ordenanza de limpeza

Coas portas do Edificio Liceo cheas de cartelería de actos promovidos polo propio Concello e os balcóns do mesmo pazo cheos de pancartas a cada pouco, o goberno local anuncia que multará a quen coloque carteis anunciadores en edificios municipais. O goberno local advirte que “tomará medidas contra quen pegue ou coloque carteis anunciadores fóra dos lugares habilitados para iso”, que son apenas unha ducia de taboleiros repartidos por toda a vila, agás a zona centro.

O goberno local quere unha segunda metade de mandato tranquila e anuncia que aplicará todo o rigor da controvertida ordenanza de limpeza redactada polo PP e aprobada co apoio do PSOE- a das multas de cen euros a quen rebusque comida no lixo- e ameaza, ademais, con que “se abrirán expedientes para quen ou quen incumpra o establecido na ordenanza municipal coa consecuente sanción económica”.

“A través da Policía Local abriranse expedientes aos responsables de pegar carteis en propiedades municipais, mobiliario urbano como colectores, farois, cadros eléctricos e mesmo en portais ou paredes de edificios particulares que limiten con vías públicas” advirte o goberno local nun comunicado ao que evita, a mantenta, poñer nomes de ningún dos edís para non atribuír a ninguén a deriva autoritaria. O edil responsable da policía local e do réxime interior é o de persoal e facenda, Diego Fernández.

O goberno do PSOE recorda que a ordenanza de limpeza vixente establece “a prohibición de colocar e pegar carteis e adhesivos no mobiliario urbano, así como fóra dos lugares que expresamente sexan autorizados polo Concello”, valos anunciadores de obra reciclados ubicados fundamentalmente na estrada de circunvalación e na zona escolar. Sen embargo, non indica que acontece cando é o propio goberno local o que non dá exemplo coa ordenanza en cuestión e pega fóra destes lugares.

“No caso de colocación de pancartas e dado que iso pode presentar un risco adicional para o tráfico, requirirase, con carácter previo á autorización, informe aos servizos técnicos municipais de Tráfico” advirte o goberno local. “Os axentes da Policía Local quedan autorizados para ordenar a retirada inmediata daqueles carteis que ao seu xuízo constitúan un risco para a circulación de vehículos, peóns ou calquera outro” explican.

O PSOE lanzou unha campaña contra BNG e PP co pretexto de non aprobarlle o PXOM, incumprindo a ordenanza de limpeza

“A ordenanza é clara tamén ao prohibir toda clase de actividade publicitaria nos edificios catalogados no plan urbanístico, cualificados ou inventariados como histórico-artísticos ou pertencentes ao patrimonio cultural, e nos asimilables” advirte o PSOE, que para impoñer “sancións de ata 751 euros” por unha pancarta nun inmoble patrimonial si recorda mirar para o legado histórico da cidade.

A ordenanza de limpeza prohibe expresamente o reparto de publicidade de xeito masivo baixo as portas das vivendas, responsabilizando ao autor da publicación, sexa ou non responsable directo do reparto. O PSOE repartiu deste xeito o seu folleto culpando á oposición de non aprobarlle o Plan Xeral. A multa é de 751 euros por folleto repartido irregularmente.

Investigación para dar co autor de varias pintadas

Por outra banda, o goberno local anuncia no mesmo comunicado- tal vez pretendendo establecer un paralelismo entre un folio pegado con cinta adhesiva e unha pintada a sprai nun monumento- que a Policía Local investiga a autoría de diversas pintadas que apareceron en diversos puntos da cidade sobre mobiliario urbano como papeleiras, caixas eléctricas ou bancos. Neste caso, desde o Concello pídese a colaboración cidadá para denunciar “este tipo de acto vandálico polo custo económico que este tipo de condutas incívicas ten para o Concello e, por extensión, para toda a veciñanza”.

Advertisements