Miño ao borde do plan de axuste mentres o alcalde descualifica a quen cuestiona os seus pasos

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

Apenas un mes despois de aprobarse o orzamento municipal de Miño cos votos de PP e Miño Plataforma Aberta (MPA), a Intervención municipal exixe, nun informe, adoptar “medidas estruturais profundas” cara 2018 para atallar o volume de endebedamento do Concello, que roza o 300% e supón practicamente o triple do máximo legal permitido. A advertencia da funcionaria chega no informe sobre a liquidación das contas do pasado 2016 e advirte do desequilibrio previsible tras a aceptación dun crédito de 12,5 millóns de euros para pagar aos expropiados de Fadesa- que percibirán uns seis millóns este ano, segundo as previsións do goberno local.

O goberno local desoiu as advertencias do anterior interventor e sostivo, á hora de aprobar o orzamento, que “aínda non tocaba” falar do plan de axuste. A actual habilitada nacional, que no pleno do orzamento defendeu tamén que por lei non había que elaborar o plan de axuste ata constatar a insostenibilidade, insta a aprobalo xa. O seu informe leva firma do 23 de abril, polo que o Concello xa debería presentar o plan, que tería que aprobarse polo pleno o 23 de xuño.

O PSOE, que leva demandando cumprir a legalidade e aprobar un plan de axuste desde hai tempo, criticou onte a “irresponsable inacción do executivo”. Os socialistas denuncian que o goberno local xa coñecía os resultados da liquidación cando aprobaron un orzamento “que non inclúe medida algunha respecto diso”. O seu portavoz, Manuel Vázquez Faraldo, incide en que o plan de axuste debería estar redactado e ameaza con tomar medidas legais tras admitir Secretaría no último pleno que aínda non estaba. O PSOE censura a “tola carreira cara adiante” do executivo e bótalle en cara que deixase pasar dous anos sen tomar medidas.

Desde fóra da Corporación, o BNG advertiu varias veces de que este endebedamento é superior, debido a que ao principal hai que sumarlle todos os xuros de empréstito e débeda. Sitúan así a cifra total en torno aos 26 millóns de euros. Para os nacionalistas, a Xunta ten que se implicar na solución deste problema debido a que o goberno galego autorizou e visou cada un dos pasos que se deron tanto na macrourbanización de Costa Miño Golf como na, polo momento paralizada, de Monte Piñeiro. O BNG demandou que asuman do seu propio patrimonio o custo para Miño desta condea os edís do PP que participaron en cada unha das decisións que remataron na monumental débeda que o municipio ten.

As manifestacións do PSOE a conta do informe da Intervención non gustaron aos seus excompañeiros de partido, hoxe en Miño Plataforma Aberta. O partido formado en torno o alcalde tras a súa expulsión de CxG sostén nun comunicado que é  “surrealista” a “continua solicitude” do PSOE dun plan de axuste. MPA, na órbita de En Marea, avanza a súa negativa a un plan económico financeiro que implique a “subida masiva de impostos” ou a “supresión de servizos básicos”, en alusión, supostamente, ás medidas recomendadas polo anterior interventor, que vía necesario subir o IBI ata o 0,80 e liberarse de competencias impropias, como a escola infantil ou o servizo de transporte ao centro de saúde.

O funcionario fixera estas recomendacións “dolorosas” tras decidir o pleno en contra do seu criterio aceptar un préstamo de 12,5 millóns en lugar dos 6 solicitados inicialmente. O alcalde negouse ata agora a subir impostos e fía a solución a que o Estado amplíe o prazo de devolución do crédito de 10 a 30 anos- para o que emprendeu unha campaña na que o apoiaron senadores do PP e a deputada de En Marea Yolanda Díaz. Os socialistas reproban a súa actitude, que cualifican de “irresponsable” e recalcan que esta moratoria tampouco evaporaría o problema. “Aínda así Miño terá que pagar a descomunal débeda. Coa ampliación do prazo poderase paliar a urxencia, pero a cambio de hipotecar o futuro do pobo durante 30 anos. En todo caso, “unha luosa insoportable para os veciños, herdanza da mala xestión do PP”, inciden.

Advertisements