O Concello abre o prazo para participar no programa de vivendas baleiras da Xunta

A rúa do Valdoncel

O Concello acaba de abrir o prazo de inscrición para participar no Programa de Vivendas Baleiras unha vez entrou en vigor a ordenanza municipal que regula, por unha banda, os requisitos que deben cumprir os solicitantes deste tipo de vivendas como os propietarios de vivendas que queiran participar no programa ofrecendo os seus inmobles.

Aquelas persoas que estean interesadas poden informarse dos requisitos requiridos nas bases que regulan o programa publicadas no BOP n.º 80 do 27 de abril de 2017. Tamén poden dirixirse ás dependencias de Servizos Sociais do Concello de Betanzos, chamando ao teléfono 981 770 707 ou a través do enderezo electrónico citaservizos.sociaisARROBAbetanzos.net

O Programa permite destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas. Segundo explicou o alcalde, as vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do Intituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e sen custe para os propietarios, un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento e un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impagamento de rendas.

Os demandantes poderán ser persoas que se atopen situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro e que acrediten uns ingresos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento.

Entre as preferencias do programa na adxudicación están incluídas as unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria; por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impagamento de rendas da súa vivenda habitual; con fillos as menores, así como familias numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo; unidades familiares ou de convivencia nos que existan mulleres vítimas de violencia de xénero; nas que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes; nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS; con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc. O prezo máximo de aluguer en Betanzos será de 300 euros.

O goberno local omite informar de que é un programa autonómico

O comunicado remitido polo goberno local e publicado no web municipal obvia en todo momento indicar que este programa é unha iniciativa do goberno galego e que o Concello se adheriu a el tras acordalo o pleno da Corporación. Foron os populares quen pediron a adhesión a este programa da Xunta e o goberno local só tiña que aprobar un reglamento tipo que a propia consellería facilita. O único que di o goberno é que o IGVS (en siglas, sen indicar que é) garante as rendas aos arrendatarios.

Advertisements