A Xunta adianta que declarará Festa de Interese Turístico Galego a Semana Santa

Nosa Señora da Soidade. Imaxe do Concello

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entrevistouse coa directiva da Confraría da Semana Santa de Betanzos para adiantarlles que o executivo recoñecerá as procesións como Festa de Interese Turístico de Galicia. Segundo o comunicado oficial da Xunta, esta celebración “reúne a milleiros de betanceiros e visitantes” e “conta cunha gran tradición na comarca”.

Para avalar esta afirmación asegura o goberno galego que a Semana Santa betanceira “ampliou considerablemente o número de pasos, procesións e participantes” e destaca “a súa procesión de Domingo de Ramos, as conmemoracións do Xoves Santo e Venres Santo e a especial beleza da procesión coñecida como Os Caladiños”.

Na xuntanza, celebrada en dependencias de Xuventude, coláronse varios edís e cargos orgánicos do PP betanceiro, comezando pola Directora Xeral de Xuventude e vicepresidenta do PP, Cecilia Vázquez, o voceiro conservador, José Ángel Rodríguez, e outro edil do PP. De feito, na instantánea repartida polo gabinete de comunicación de Turismo aparecen tantos cargos do PP coma integrantes da directiva da confraría.

Advertisements