As actividades marítimas dos campamentos abandonan Gandarío pola contaminación da auga

Vista aérea da praia de Gandarío, na que a Xunta desaconsella o baño por contaminación de fecais

O albergue de Gandarío era a estrela dos campamentos de verán da Xunta polas súas actividades náuticas. Pero este ano o areal bergondés está pechado ao baño por orde do goberno galego a causa da elevada contaminación por augas fecais. Lonxe de abandonar os cursos de vela, a Xunta optou por trasladar as actividades náuticas á outra banda da ría, á praia grande de Miño. Os participantes dos campamentos cruzarán a diario a ponte do Pedrido en bus para participar nas actividades programadas a ambas marxes da ría betanceira.

A actitude do goberno galego contrasta coa que mantén o goberno local bergondés. O bipartito PSOE-En Marea anunciou que contratará os socorristas para os areais aínda que a Xunta demore a orde de subvencións coa que financia parte dos honorarios dos equipos de salvamento das praias. O executivo de Bergondo pretende dotar de socorristas as praias do municipio- Gandarío e O Regueiro- pechadas ao baño pola insuficiente calidade das súas augas, en lugar de balizar os areais advertindo de maneira evidente que non son aptas para bañarse.

O PSOE, que en Bergondo contrata socorristas para areais pechados ao baño, criticou na Mariña lucense este mesmo feito. No concello de Cervo o PSOE criticou ao goberno local do PP por contratar socorristas para dúas praias pechadas ao baño por orde da Xunta. “Tiveron a ousadía de dar un paso máis e ser capaces de dotar a praia de Cubelas de servizo de socorrismo sabendo de primeira man a non aptitude das augas para o baño” denunciaron, cuestionando que “esta actitude é unha irresponsabildiade total e absoluta pois, se ocorrese unha desgracia, a quen se lle ían pedir responsabilidades?”

Advertisements