Fiscalía abre dilixencias ante o artigo homófobo do xornal dos comerciantes de Sada

Patio interior dos xulgados betanceiros

A Fiscalía Provincial abriu dilixencias polo artigo “La homosexualidad es pecado”, publicado polo xornal da Asociación de Empresarios de Sada polo exsecretario da entidade, o avogado Eduardo Lorenzo. O artigo  equiparaba a homosexualidade ao incesto ou a poligamia, distinguía entre “o homosexual discreto y respetable y el maricón ostentoso” e describía a celebración do Orgullo Gai como un desfile no que “pululan lo grotesco, lo carnavalesco, con engendros, andróginos y estrógenos con patas”.

O Ministerio Público explica que é o procedemento habitual cando se presenta unha denuncia, que neste caso partiu da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) da Coruña. Desde Fiscalía precisan que as dilixencias teñen por obxecto determinar “se hai indicios de delicto nos feitos denunciados”. No caso de que aprecen indicios de delicto, a Fiscalía cursaría a correspondente querela ante o xulgado.

As críticas que suscitou a columna acabaron provocando a dimisión do seu autor e do presidente da asociación e director do xornal El Mariñán, Bernardo Valiño. A columna deu pé tamén a unha manifestación en contra da homofobia e a un comunicado de repulsa do goberno local, ademais de abandono da asociación por parte de diversos comerciantes de Sada.

Advertisements