Os bombeiros proban un vehículo estreito que o Consorcio contra Incendios non ten previsto incorporar

Parque comarcal de bombeiros de Betanzos

Hai uns días os bombeiros do parque comarcal de Betanzos probaron  un vehículo de emerxencias de só 1,70 de ancho polas rúas do Casco Histórico e por diversos camiños valados de Bravío. O camión ten unha capacidade de carga duns 3000 litros e 2 bombeiros, e un prezo de 200 000 euros. Á proba asistiu o concelleiro de seguridade de Betanzos, Diego Fernández xa que o Concello terá que elaborar un informe para o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, titular do parque de bombeiros.

O Consorcio Provincial, dependente da Xunta e a Deputación, non ten previsto polo de agora- pola información publicada no seu web e portal de contratos- licitar a adquisición deste tipo de vehículos. De feito, a Deputación traballa para extinguir o actual sistema de bombeiros privados e transformar os parques comarcais en concesión nun corpo provincial de bombeiros público.

Con vehículo ou sen el, Betanzos continúa sen un plan especial de urxencias. A pesar de estar declarado como municipio turístico, tampouco o Casco Histórico conta cun plan de evacuación como si teñen concellos como Allariz, Viveiro ou Mondoñedo, de características económicas, xeográficas e demográficas similares a Betanzos. É un debe que o executivo socialista non semella disposto a atallar a curto prazo malia as numerosas iniciativas plenarias demandándoos.

Advertisements