Rouban cinco coches no Malecón, que para o concelleiro de seguridade “é unha zona fácil para delinquir”

Segundo o concelleiro de seguridade, o Malecón “é unha zona fácil para delinquir, haberá que incrementar a presenza policial”

Cinco coches rebentados na Ribeira e un calcinado en Cal das Barras. É o resultado rexistrado antenoite que xa investigan a Garda Civil e a Policía Local. En Cal das Barras un veciño alertou das lapas, sofocadas polos bombeiros de Betanzos, nun vehículo que aparentemente levaba tempo abandonado na zona. Todo apunta a un lume provocado.

No Malecón as lúas de cinco coches amenceron rebentadas, coa substracción de elementos do interior dos vehículos. Parte dos bens apareceron tirados no río e outra parte leváronos. Entre eles, un saxofón gardado nun dos coches, propiedade dun hostaleiro do Matadoiro que tocou ns orquestras Los Satélites, Trovadores e Ceniza. Ademais, os vehículos foron raiados na chapa e golpeados, entre outros desperfectos.

Diego Fernández, concelleiro de seguridade co PSOE, nun pleno

Como se non fose con el nin o goberno local tivese responsabilidade algunha, o edil de seguridade cidadá, o socialista Diego Fernández, declaraba a La Voz de Galicia que o Malecón “é unha zona fácil para delinquir, haberá que incrementar a presenza policial”. A Policía Local atópase aínda con dous axentes de menos con respecto ao cadro de persoal pola demora do executivo socialista en cubrir dúas baixas. A oferta de emprego público remóntase ao orzamento de 2014 e aínda hoxe os novos axentes só están nomeados “en prácticas”.

A falta de efectivos do corpo de seguridade municipal ten motivado agres desputas entre o executivo local e os mandos da policía. Nunha saída de tono, o goberno local chegou a suxerir aos responsables dos axentes que marcharan para casa se non estaban conformes coas condicións de persoal e medios que o executivo local tiña para a Policía Local.

Advertisements