Denuncian que o goberno local oculta a conta xeral do 2016 á Corporación

O BNG denunciou que o goberno local non presentou a conta xeral á Corporación antes do 1 de xuño, como exixe a Lei. No último Pleno, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, demandou do goberno local que presente as contas do pasado 2016 e mais un orzamento para este ano sen máis dilación. O edil do BNG recordou que a liquidación do orzamento tiña que ter sido presentada polo alcalde ao pleno de marzo “e se aprobou aínda en maio”. “É algo que establece a Lei, como que o alcalde ten que presentar ao Pleno antes do 15 de outubro os orzamentos ‘para a súa aprobación, emenda ou devolución’, non é algo que diga o BNG” ironiza Del Río.

Desde o BNG indican que a conta xeral tiña que terse presentado ante a comisión de facenda antes do día 1 de xuño, “e tampouco foi”. Por este motivo, demandaron ao goberno local que aclare “por que motivo” non se presentou e que explique “que prazos barallan” para cumprir “tarde, mal e a rastro as obrigas contables do goberno coa Corporación”. “Caso de non render a conta en prazo, a Xunta deixa sen determinadas subvencións aos Concellos” recordan as nacionalistas.

“Debe ser que en Betanzos non rexe a Lei de Facendas Locais” ironiza o voceiro do BNG, “porque non queremos crer que tanto retraso en entregar a liquidación e as contas non sexa debido a que o goberno local do PSOE pretende ocultar algo”.

“Esta xestión económica é terribelmente irresponsábel” censura Del Río. As nacionalistas recordan que en pleno mes de xuño Betanzos continúa con orzamento prorrogado. “O de ter o orzamento aprobado a 1 de xaneiro como exixe a lei non vai co goberno local, é algo que pertence á Historia, como a alcabela” ironiza Del Río lembrando que o último orzamento aprobado para todo o ano natural foi o de 2007.

Neste sentido, as nacionalistas consideran “preocupante” comprobar que, segundo a liquidación do 2016- entregada no último pleno con tres meses de retraso- “o goberno local disparou o gasto corrente en máis de 716 000 euros por riba do orzamentado, que xa eran 2,9 millóns de euros”. “Tanta privatización encuberta dos servizos municipais acaba aflorando tarde ou cedo”, ironiza Del Río. “Á vista destes datos comezamos a entender a demora en render publicamente as contas de como gastou o goberno local o orzamento de 2016” indican as nacionalistas. “Malamente van facer crer que van gastar doutro xeito no que queda de 2017” conclúe.

Isto é o que di a Lei de Facendas Locais ao respecto

Ofrecémosche os artigos do Real Decreto Legislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. No seu artigo 168.4 que “o presidente da entidade formará o orzamento xeral e remitirao, informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria detallados no apartado 1 do artigo 166 e no presente artigo, ao Pleno da corporación antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución”.

No seu artigo 191.3 establece que “as entidades locais deberán confeccionar a liquidación do seu orzamento antes do día primeiro de marzo do exercicio seguinte” e no 193.4 que “da liquidación de cada un dos orzamentos que integran o orzamento xeral e dos estados financeiros das sociedades mercantiles dependentes da entidade, unha vez realizada a súa aprobación, darase conta ao Pleno na primeira sesión que celebre”.

No seu artigo 212.2 establece que “a conta xeral formada pola Intervención será sometida antes do día 1 de xuño a informe da Comisión Especial de Contas da entidade local, que estará constituída por membros dos distintos grupos políticos integrantes da corporación”.

Á vista desta lei, e segundo xuristas consultados por Xornal de Betanzos, efectivamente o BNG estaría no certo no tocante aos incumprimentos do goberno local sobre orzamentos e rendición de contas.

Advertisements