Falece ao caer á ría á altura de Ber desde o seu barco de recreo

Unha buceta, embarcación tradicional da ría de Betanzos

As augas da ría de Betanzos acabaron onte coa vida dun home de sesenta anos, F.R.L., que caeu ao mar desde a súa embarcación de recreo cando navegaba cun familiar pola banda de Pontedeume. Efectivos de Salvamento e Protección Civil localizaron na praia de Ber, en Pontedeume, o cadáver do home, que foi trasladado ao porto de Sada para o seu recoñecemento e ao que hoxe se lle practicará a autopsia.

O  falecido, segundo o 112, navegaba no seu barco acompañado por un familiar, que foi quen deu a voz de alerta. Desde o 112 relatan que chamou ás dúas da tarde para solicitar axuda porque o seu cuñado caera á auga tras cruzarse con outra embarcación. A central de urxencias 112 desprazou a Salvamento Galicia, ao Servizo de Gardacostas e aos efectivos de Protección Civil e Urxencias Médicas. Salvamento mobilizou dúas embarcacións e ao Helimer. Os efectivos chegaron ata o barco á deriva e asistiron ao familiar da vítima, que sufría unha crise nerviosa e non era capaz de levar a embarcación. Efectivos de Protección Civil de Pontedeume localizaban o corpo pouco despois na praia de Ber. A Garda Civil abriu unha investigación, pero apunta a un accidente como causa máis probable.

Advertisements