O comité de empresa pide xuntanza co alcalde xa que Diego Fernández se nega a recibilo

Diego Fernández é o concelleiro de persoal de Betanzos

O comité de empresa solicitou por escrito no Concello unha entrevista co alcalde, ademais de facelo público por medio dun comunicado no web da CIG. O motivo é que levan “varias semanas agardando a que o concelleiro de Persoal os reciba”. Non é a primeira vez que o concelleiro de persoal, o socialista Diego Fernández, se nega a recibir á representación dos traballadores do Concello e teñen que recorrer ao rexedor.

O comité asegura estar preocupado por “diversos temas” e que tan só buscan na xuntanza “solicitar información sobre varios temas pendentes que lle afectan ao persoal laboral”. Aseguran que tamén pretenden abordar os motivos polos que non “se dá convocado a Comisión Paritaria de seguimento do convenio colectivo a pesar de diversas solicitudes”, un organismo necesario para comezar a aplicar o convenio colectivo recentemente aprobado e que o goberno local está a bloquear, co conseguinte bloqueo do convenio.

A Intersindical Galega explica que queren transmitirlle ao alcalde “a súa preocupación porque non se lles achega a información correspondente” destes temas e se manteñen bloqueados outros moitos.

Advertisements