O goberno local volve anunciar a reparación das pontes de madeira ocultando que paga a Deputación

A ponte de madeira do Xuncaliño, alcumada popularmente como “ponte da tía Chonita”

O goberno local remitiu onte un comunicado para recordar que “está a executar as obras de mellora das distintas pontes e pasarelas da cidade a través dun proxecto no que se invisten algo máis de 91 000 euros e que inclúe a ponte de madeira do Malecón situada sobre o río Mandeo; a ponte de madeira do Pasatempo situada sobre o río Mendo; a zona peonil das Cascas e acceso ao Lavadoiro municipal nas inmediacións do río Mendo e a zona peonil do Paseo da Tolerancia ao bordo do río Mandeo”.

“As obras inclúen a limpeza da ponte de madeira do Malecón coa eliminación da vexetación e da sucidade acumulada sobre os elementos de madeira” explica o executivo no seu comunicado, detallando que sobre a chamada Ponte da Tía Chonita– polos terreos herdados a carón dela polos irmáns Lagares- “lixarase e aplicaranse diversos materiais para a conservación da madeira que se vai desgastando mediante a acción dos axentes bióticos”. Na ponte peonil das Cascas indican que “os traballos, xa finalizados, incluíron a eliminación da vexetación e a sucidade acumulada sobre os elementos de madeira; substituíndo ou reparando os elementos de madeira rotos ou soltos: como tramos de varandas, pasamáns e algún taboleiro do chan; substituiranse ferraxes e parafusos oxidados”.

“O programa de actuacións recolle, ademais, a mellora da cuberta do paseo da Tolerancia coa limpeza de maleza e cascallo; a substitución da totalidade das tellas con tella cerámica curva tipo árabe igual á existente; e a limpeza do caleiro existente e limpeza do falso teito baixo cuberta, inclúe o pintado da súa superficie” indican, abundando en que “na zona de lavadoiro, mellórase a varanda existente eliminación a vexetación e a sucidade acumulada; e repáranse os elementos rotos e/ou soltos como barrotes verticais, pasamáns e rodapé”.

O goberno local omite no seu comunicado que todas estas actuacións se financian a través dun dos plans provinciais de Obras. O executivo socialista recorría a esta finta cando presidía a Deputación o PP. Agora, tal vez a explicación sexa que o deputado responsable dos plans provinciais e a cooperación cos concellos sexa do BNG. O executivo local tan só nomea á Deputación nos seus comunicados cando as actuacións se corresponden a áreas que dirixe o PSOE ou cando o presidente da entidade visita actuacións na localidade, con independencia da área provincial que financie os traballos.

 

Advertisements