A CIG denuncia de novo ao goberno local ante a Inspección de Traballo polo contrato da secretaria das festas

Diego Fernández é o concelleiro de persoal e economía de Betanzos

Un ano máis o goberno local decidiu contratar unha empresa privada para a organización da Feira Franca Medieval e, a diferenza do pasado ano, o contrato non foi publicado no perfil do contratante para que calquera empresa puidese optar a facerse co contrato. Pero o que máis chama a atención é que, a pesar de mudar de empresas durante os seis anos que o PSOE leva no goberno local, a persoa que estas empresas sitúan nas oficinas municipais para realizar os traballos é sempre a mesma.

Algo que mosquea na CIG, que ven de anunciar que presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo contra o goberno local por este motivo. “Desde comezos desta semana nas oficinas da Casa Consistorial volve traballar persoal sen contrato municipal, con despacho propio e utilizando o material do propio Concello” denuncia o primeiro sindicato, que engade que “no Departamento de Persoal, como vén sendo costume, teñen un completo descoñecemento do tema que corrobora que estamos ante unha persoa contratada por unha empresa privada para realizar un servizo público e utilizando medios municipais”.

“O goberno leva a privatización ás dependencias municipais por segunda vez este ano, e cada ano son máis os postos que o goberno municipal considera que non deben ser ocupados por empregados públicos” denuncia a Intersindical Galega, que repudia “o descaro con que utiliza medios públicos a favor de empresas privadas comeza a ser seriamente preocupante e ameaza a creación de postos de traballo”.

“Cada ano parece ser unha empresa distinta a que gaña o contrato da Feira Medieval, mais cada ano é a mesma persoa sen contrato do Concello a que está nun posto que debería ser ocupado por un empregado público co seu correspondente sistema selectivo” denuncia a CIG. “Durante anos os delegados sindicais propuxemos que se tan necesario considera o apoio á Feira Medieval (máis que cubrir os postos da Escola Infantil, limpeza e servizos varios) podería contratar baixo a figura de acumulación de tarefas para realizar ese traballo, mais que hai detrás da negación tácita do Concello a que os postos públicos sexan convocados en condicións de igualdade, mérito e capacidade tal e como expón a lexislación vixente? A única posible resposta debe ser que así ao mellor non estaría a persoa que queren que desenvolva ese traballo ano tras ano, que non sería máis que outro xeito de enchufismo e burla da lexislación vixente en materia de emprego público” engaden.

A CIG denunciará “o que consideramos un presunto caso de cesión ilegal de traballadores e achegarémoslle a Inspección a documentación sobre este tema, tendo en conta que hai informes municipais desfavorables a esta contratación e que advirten dun posible caso de cesión ilegal de traballadores, toda vez que esta traballadora dunha empresa privada ten como sede de traballo a Casa do Concello, recibe ordes directas de traballo dun empregado municipal e de concelleiros e utiliza medios públicos para o seu traballo”. “Ademais, varios compañeiros nos transmitiron o seu malestar pola situación que provoca ter que dar información, pasar chamadas ou resolver cuestións relacionadas cunha traballadora dunha empresa privada e sobre cuxas funcións ninguén informa” denuncian.

Advertisements