Paderne celebra unha nova edición da Mostra do Branco Lexítimo o 1 e 2 de xullo

O goberno local de Paderne cambiou a feira pola Mostra do Branco Lexítimo, pero mantén todo o resto: pregón, mostras hípicas, pulpeiras e exhibicións de maquinaria agraria sobre o campo do Telleiro, a explanada situada a escasos metros da casa consistorial bordeada polo regato. Os vindeiros 1 e 2 de xullo encherase novamente de actividade para acoller a mostra vinícola, que suma tres edicións xa, e que contará co pregón de Moncho Borrajo.

Logo, o programa inclúe un concurso de cans e unha exhibición hípica, entre outras actividades, exhibicións da Escola de Gaitas e Baile San Pantaleón e do grupo de Gaitas O Castro de Miño. Ás 13.00 horas haberá mexillonada; ás 17.00 horas, degustación de tés e infusións e ás 17.30 horas, cata de viños. Ás 18.00 horas empezará o concurso de cans e despois haberá unha demostración de punto de cruz e outra de pintura, un taller de trampas para vespas velutinas con material reciclado, un taller de cociña para nenos, unha cata popular de viños. Xa  o domingo será o I Trial do Branco Lexítimo e nomearanse embaixadores, nun calco dos comendadores do albariño creados e popularizados por Fraga, Louzán e a plana maior do PP.

Advertisements