PSOE e PP líanse nas redes a conta dun banco de Vistalegre sen apenas uso

O polémico banco estivo a medio limpar polo Concello hai dous anos. Esta imaxe participou no concurso de “ñapas” electorais que promoveu o BNG

Un incómodo banco de formigón branco situado á beira do cruce de Vistalegre hai máis dunha década polo entón concelleiro de Obras, Ramón García, foi o lugar máis importante do municipio a pasada fin de semana para as agrupacións locais de PSOE e PP. As agrupacións locais de ambos partidos encerelláronse nas redes a conta da limpeza desta peza do mobiliario urbano que ninguén utiliza. Tal vez pola súa proximidade á vía e porque, inexplicablemente, en lugar de permitir gozar dunha panorámica da ría ofrece vistas ás rodas dos vehículos que decidan transitar cara Sada.

Abriu o baile o PP, na súa conta oficial de facebook, compartindo unha información dun medio dixital nas súas redes sociais, e engadindo como observación propia “la falta de mantenimiento y limpieza, la desidia y el abandono…son quejas habituales de los vecinos tanto del casco urbano como de las parroquias”. Ilustra o enlace, precisamente, unha imaxe deste banco.

Non sentou ben no PSOE a referencia a xulgar polo desproporcionado da reacción. Os socialistas publicaron no perfil oficial da agrupación local un extenso comunicado que pegaron tamén no perfil dos conservadores. Para o partido no goberno o PP “volve, unha vez máis, a demostrarlle aos betanceiros como non se debe de facer oposición” con este asunto, considerando que os conservadores “deberían de preocuparse por traballar polos intereses dos betanceirxs e non preocuparse en difamar e empregar a mentira para manipular suciamente a opinión da veciñanza”. As descualificacións do PSOE débense, segundo eles, a que, “fan referencia ao estado dos marxes dunha carreteira que pasa por Vistalegre, unha carreteira na que o Concello de Betanzos “nin pincha nin corta” posto que a mesa é propiedade da Xunta de Galicia”.

Algo “pincharía” o goberno local nas marxes desa estrada cando financiou a construción de beirarrúas cun plan provincial ou colocou, sendo o actual alcalde concelleiro de obras, o controvertido banco que ten no respaldo o escudo do Concello. “Ese abandono que tanto critican é  responsabilidade da Xunta gobernada e utilizada como ferramenta política polo Partido Popular” sentencia a agrupación local do PSOE que conclúe con que padecemos “desidia y abandono del Partido Popular en Betanzos. Ou non saben, ou non se enteran”.

Ao PP pareceulle pertinente replicar e recomendou ao PSOE unha lectura demorada da nova que enlazaban, pois “si leen ustedes con detenimiento la noticia confirmarán que es un periodista recogiendo quejas de los vecinos”. E lembran que estas queixas “de las que ya se había hecho eco el Partido Popular, y también el BNG, y ya habían sido presentadas en el Pleno de la Corporación”. “Si ustedes se esforzasen en el mantenimiento y la limpieza de Betanzos, no habría vecinos y no tendríamos que recoger sus quejas” asegura sorprendentemente o PP, que demanda ao PSOE que “no tergiversen ustedes la información, la oposición está para recoger las quejas de los vecinos. Sobre todo en aquellos casos en los que acuden a ustedes y no responden a sus demandas”.

E o PSOE volveu replicar, tras o PP felicitar ao goberno local sarcasticamente por ter limpado a beiravía e o xa famoso banco ao día seguinte de publicarse a crítica, que “non limpamos nos”. Explican que tan só requeriron da Xunta “que fixera o seu traballo; posto e como reiteramos fai días, a carretera AC-0161 e de propiedade da Xunta de Galicia”. “O Partido Popular de #Betanzos en vez instar á Xunta a que arranxe, e así demostrar o seu intese polo noso Concello, preocúpase por seguir no poleiro. No están, nin se lles espera” xanxan desde a rúa Venezuela insistindo en que “o Partido Popular de Betanzos volve a mintir”.

Advertisements