O Concello anunciou a terceira fase das obras do lavadoiro das Cascas, ocultando que paga a Deputación

O Concello de Betanzos anunciou onte que comeza a terceira fase das obras do lavadeiro das Cascas, coas que prevé finalizar a súa restauración. O alcalde, Ramón García, visitou onte os traballos, que se centran en melloras no interior das instalacións para reforzar a seguridade estrutural do edificio.

O proxecto conta cun investimento de 33.000 euros nesta última fase, ademais da reparación dun dos muros, da escaleira interior e da barandilla. Recuperaranse tamén elementos que desapareceran e se recolocarán as pezas que foran arrincadas do seu lugar.

Xa no mes de maio o goberno fixera público o comezo desta terceira fase, mais onte reiterouna cunha visita do alcalde as obras. O Concello anunciara no mes de maio que iniciaba as conversas coa Dirección Xeral de Patrimonio para decalaralo BIC, mais non se volveu saber sobre esta declaración. Desde maio do ano 2014 hai máis de 3 anos que comezaran estas obras de rehabilitación.

O goberno local omite no seu comunicado que todas estas actuacións se financian a través dun dos plans provinciais de Obras. O executivo socialista recorría a esta finta cando presidía a Deputación o PP. Agora, tal vez a explicación sexa que o deputado responsable dos plans provinciais e a cooperación cos concellos sexa do BNG. O executivo local tan só nomea á Deputación nos seus comunicados cando as actuacións se corresponden a áreas que dirixe o PSOE ou cando o presidente da entidade visita actuacións na localidade, con independencia da área provincial que financie os traballos.

Advertisements