O concello ten que indemnizar á familia dunha nena á que lle caeu encima un banco de ferro

Cantón Claudino Pita

O Concello de Betanzos alcanzou un acordo extraxudicial coa familia dunha nena de 4 anos que resultou ferida ao caerlle encima un banco metálico de ferro fundido do cantón Claudino Pita. O Concello, que inicialmente se opuxo a pagar unha indemnización, accedeu agora a abonar á familia 4.000 euros (3.700 correrán a cargo da compañía aseguradora do Consistorio e os 300 restantes do Concello).

Os feitos remóntanse ao ano 2013. A pequena xogaba con outros nenos cando lle caeu encima un banco de ferro que estaba desanclado do chan. A consecuencia do golpe, a menor sufriu unhas lesións das que se derivaron uns danos valorados en 4.398 euros, segundo a documentación facilitada polo Sergas e as facturas aportadas pola familia.

O Concello abriu en 2015 un expediente administrativo de responsabilidade patrimonial tras recibir a solicitude da familia. O instrutor concluíu que os reclamantes non tiñan dereito a unha indemnización porque non “existía a necesaria e adecuada relación de causalidade”. Baseou o seu dictame, en parte, nun informe do departamento de urbanismo que concluía que, dado o tempo transcorrido desde o sinistro, non se podía determinar a posición e situación do banco e outro da Policía Local que dicía non ter constancia do accidente.

A familia recorreu judicialmente a desestimación da reclamación patrimonial e aportou novos informes médicos, fotografías do banco e informacións en prensa que daban conta do accidente e as declaración do concelleiro de Infraestructuras anunciado a urxente revisión de todos os bancos e unha investigación sobre o ocorrido. O asesor xurídico de Betanzos propuxo chegar a un acordo extrajudicial ao entender que era “palmario o nexo causal entre o deber da Administración de manter o mobiliario urbano e os danos sufridos pola menor”.

Advertisements