Fernández presenta un orzamento que recorta a inversión máis do 19% e dispara o gasto corrente

Caída do investimento nun 19% e suba do gasto corrente ata máis dunha terceira parte dunhas contas de 9,2 millóns de euros. Son dúas das magnitudes da proposta de orzamentos municipais para 2017 que onte o goberno local entregou aos grupos da oposición. A previsión do executivo local é que gastos e ingresos se sitúen en 9.280.014 euros, un 2,2% máis que en 2016.

Por capítulos, o goberno do PSOE conta con recurtar un 19% os investimentos, que pasarán de 1.391.986 do pasado exercicio a 1.121.839 euros, 270.147 euros menos. O gasto corrente increméntase un 16,7% e absorberá máis da terceira parte do orzamento ao pasar dos 2.894.329 euros de 2016 a 3.377.923 euros. O capítulo de persoal é, un ano máis, o máis cuantioso. Dos 3.980.256 euros de 2016 a 4.001.644 euros previstos neste exercicio. No apartado de ingresos, o executivo municipal prevé ingresar un 28,67% menos por impostos indirectos, un 5% máis por tributos directos e un 2,79% máis por taxas.

O orzamento reservará unha partida de 50.000 euros para que os veciños decidan en que proxecto se inviste, anuncia o goberno local indicando que isto contribúe á participación.

Diego Fernández é o concelleiro de persoal e economía de Betanzos

O goberno local desfíxose en loas ás bondades da proposta presentada nun comunicado de prensa. Así, para o concelleiro de Facenda, Diego Fernández, as contas tamén permitirán “iniciar o proceso de recuperación do parque do Pasatempo”, aínda que sen detallar partidas e destacou o aumento do gasto educativo e social. Segundo avanzou o edil, o gasto social absorberá ao redor de 850.000 euros. O goberno local suma como gasto social  as axudas a urxencia e os programa de transporte adaptado e Xantar na Casa ou axuda no fogar, as melloras no Vales Villamarín e as bolsas de estudo e comedores escolares.

O edil de Facenda destacou onte a “significativa” redución da débeda” que, incidiu, pasou dos 3,7 millóns de hai 7 anos a 254.284 euros. A débeda sitúase en 5,8&, “moi por baixo do 110% que permite a Lei”, destaca o executivo nun comunicado. A redución da débeda é resultado, en boa medida, da renuncia a un empréstito provincial por incumprir disposicións sobre pago e a que o incumprimento do plan de viabilidade do Concello durante varios anos conlevou a sanción de prohibir recorrer ao crédito para financiar actuacións municipais. Os plans provinciais inclúen a obriga de destinar unha parte do seu monto a amortizar créditos coa banca, polo que a redución da débeda é máis un mérito da Deputación que do goberno local.

Sen investimento propio e incremento das subvencións nominativas

As contas non prevén grandes obras a conta da facenda municipal. Os principais investimentos serán financiados con axudas provinciais- extremo que ultimamente o goberno local oculta nos seus comunicados de prensa sobre obras a cargo do POS- e van dirixidas a melloras viarias e en servizos básicos, como a construción de beirarrúas na rúa Venezuela (141.565 euros), pavimentacións na Cerca e Lanzós, melloras enerxética e de iluminación LED (194.789 euros) e outros amañoss no Casco Histórico.

Malia anunciar que estas contas permitirán “iniciar o proceso de recuperación do parque do Pasatempo”, non se detallan partidas para este fin.

O goberno local anunciou, ademais, que as contas prevén subvencións nominativas para un grupo escolleito de entidades. Así, a Coral Polifónica levará 5000 euros, o Betanzos, C.F., 18.000, ACEBE CCA, 14.000,00, a ANPA do CEIP Vales Villamarín, 11.000, o Club Kwon, 2.500, o Club Náutico Ría de Betanzos, 12.000, a Asociación de Amigos da Banda  5.000, Club Troula Fútbol sala, 8.000, o Club de Baloncesto Santo Domingo, 8.000, a Asociación Prol Enfermos Mentais APEM, 2.500, o Club Caimáns BTT, 3.000, Cáritas Betanzos levará 4.500, 3000 o Club Ciclista Betanzos, 3.000, a Asociación de pais e nais de persoas con parálise cerebral ASPACE, 2.000, a Asociación de Amigos do Centro histórico, 3.000, Cruz Vermella Betanzos 5.500  e Centro Betanzos de Buenos Aires outros 5000 euros. A Fundación CIEC, a pesar da polémica, verá triplicada a achega municipal ata os 15.000. Suman en total uns 130 000 euros en subvencións outorgadas directamente, sen convocatoria pública, a 18 entidades.

Segundo o listado de asociacións existentes no municipio que figura no web municipal, hai 83 entidades. As 65 asociacións non agraciadas cunha subvención directa terán que se repartir os 25 000 euros previstos para un programa de subvencións en concorrencia competitiva dirixidas as asociacións municipais sen ánimo de lucro.

Reaccións: O BNG lamenta o incremento das subvencións directas e o gasto corrente

Del Río é o portavoz do BNG-Asembleas Abertas

Precisamente o incremento destas subvencións nominativas é un dos cabalos de batalla do BNG contra os orzamentos do PSOE nos últimos anos. Nunha valoración de urxencia realizada na tarde de onte, o BNG indica que as contas presentadas polo executivo local hoxe “manteñen e mesmo incrementan as subvencións ‘a dedo’, que para nós é algo que atenta contra a igualdade de todas as entidades a recibir o mesmo trato e ter as mesmas opcións de levar unha subvención municipal”. “O BNG sempre defendeu outorgar as subvencións do Concello nun proceso aberto, público, transparente e con condicións que toda a veciñanza coñeza de antemán, é máis democrático” explican.

Para os nacionalistas, “na proposta remitida esta mañá polo goberno do PSOE o gasto corrente increméntase en 485 000 euros con respecto ao do pasado ano, que xa eran 2,8 millóns de euros. “É algo que a priori non compartimos, porque dentro del van agochadas as privatizacións de servizos”. Con todo, advirten que foi unha valoración en primeira lectura tras recibir as contas ás dúas da tarde de onte e que “obviamente temos que estudalo a fondo para poder facer unha valoración en profundidade do documento” xa que 2sería irresponsábel facer unha valoración do orzamento sen analizalo a fondo”.

O BNG censura que “estamos a mediados de xuño e é o primeiro borrador que presenta o goberno local”, explica o voceiro nacionalista. “O ano pasado o PSOE e os partidos que lle apoiaron o orzamento xuraron e perxuraron que este ano farían un orzamento de xeito participativo e, como moito, puido participar desta proposta quen pasara pola alcaldía”, explican. Ademais, explican que “as contas van fóra de prazo”. “A lei obriga ao alcalde a levar o orzamento ao pleno antes do 15 de outubro”, explica Del Río. “Se estiveramos a falar das contas de 2018 iría moi ben, pero falamos das previsións para un ano do que xa vai a metade fóra”, ironiza. “De feito, xa nos tiñan que ter entregado a conta xeral do pasado ano e o goberno local retena, non sabemos por que motivo, pero sería moi interesante comparala con este borrador”, explica.

A dos nacionalistas é, polo de agora, a única valoración pública do documento contable.

Advertisements