O Concello terá que indemnizar tamén aos donos dun bar das Calexas por fugas no saneamento

Unha vista das Calexas

Nova indemnización por mal funcionamento dos servizos municipais. O goberno local tivo que recoñecer aos propietarios dun local situado na Rúa do Progreso o dereito a unha indemnización de 1545 euros polos danos rexistrados o pasado ano por unha inundación. O goberno local denegara nun primeiro momento a demanda, segundo a acta da xunta de goberno local, porque non se podía probar a relación entre os danos provocados por unha fuga de augas fecais e a propia rede de sumidoiros municipal.

Porén, como queira que a compañía aseguradora interpuxo un recurso contra esta decisión e a concesionaria do saneamento, Viaqua, recoñecía nun informe o estado da rede de saneamento e que existe un nexo casual entre o dano sufrido polo particular funcionamento do servizo municipal do servizo de sumidoiros o executivo local recuou e mudou o seu criterio. Os edís do PSOE recoñecen agora que os danos foron ocasionados pola insuficiencia do bombeo da travesía e as “continuas filtracións que se producen os días de fortes choivas”.

É a segunda reclamación que o Concello ten que estimar polo mal funcionamento dos servizos municipais nos últimos meses. O Concello terá que asumir tamén 4000 euros polos danos sufridos por unha menor ao caerlle enriba un banco de fundición sen tomar ao chan situado no Cantón. Ninguén no executivo local asumiu, polo momento, a responsabilidade de non inspeccionar o mobiliario ou o funcionamento de servizos esenciais coma o saneamento.

Advertisements