O PP pedirá maior seguridade nas obras paradas do Refoxo para evitar botellón no solar

A urbanización arrancou con polémica porque o solar era da familia do alcalde Lagares

O PP reclamará no próximo pleno medidas para evitar o acceso de menores a un edificio a medio construír no camiño do Refoxo, na traseira da avenida de Saavedra Meneses, no barrio da Ponte Vella. Os populares relatan que varios veciños alertáronlles de que menores acceden a esta obra para realizar botellóns. O PP denuncia que os mozos se “expoñen a unha verdadeira situación de perigo”, dado o “avanzado estado de deterioración” do solar sobre o que se iniciaron traballos de construción hai máis dun lustro, pero que aínda ten ao aire a estrutura dos alicerces. Os populares alertan tamén das malas condicións nas que se atopa o peche desta obra pola parte do camiño do Refoxo.

A urbanización arrancou con polémica no seu día debido a que os terreos eran propiedade dos irmáns Lagares, alcalde e concelleiro de Urbanismo, debido a unha herdanza. O PP denunciou unha recalificación inexistente no predio- urbano desde as normas subsidiarias do 1986- e mesmo levou a obra aos tribunais, presentando un contencioso contra a decisión de redactar un estudo de detalle para esta parcela. Cando María Faraldo accedeu á alcaldía, o PP retirou o pleito, segundo Faraldo porque a promotora pedira licenza de obra. Os traballos comezaron pero quedaron paralizados pouco despois. Desde entón as iniciativas da oposición demandando a limpeza do solar debido á suciedade que acumula son unha constante, primeiro contra o propio goberno do PP e desde hai seis anos contra o do PSOE, que antes tamén demandaba a limpeza do solar aos conservadores.

Advertisements