O goberno local esconde no verán o debate sobre a mobilidade no Casco Histórico

Coches aparcados na praza de Santa María, un dos lugares onde se propón instaurar o Parking exprés

Coa adquisición de cámaras para vixiar o Casco Histórico recén aprobada, dentro dos plans que financia a Deputación, o goberno local dá unha nova volta de porca e sacou ao trámite de consulta a ordenanza que une, nunha soa norma, unha nova concesión para a ORA e o controvertido parking express que regularizará todo o aparcamento indebido no Casco Histórico.

Desde hoxe en vinte días- 12 de xullo- a veciñanza pode ler a ordenanza elaborada polo equipo de goberno e achegar cantas apreciacións queira facer ao correo electrónico indicado nunha resolución que onte asinaba o alcalde para ordenar a publicación no web. Este proceder é unha esixencia legal, que obriga a someter a esta consulta previa toda a normativa reglamentaria.

O documento que o goberno local expón é o que trasladou nunha xuntanza hai tres meses á oposición nunha xunta de portavoces, para dar conta do que pretendía facer logo de non renovar tacitamente a concesión da ORA. Esta nova normativa, que regulará por primeira vez o parking exprés do centro histórico, foi publicada polo BNG no seu portal web para informar á veciñanza dos cambios que o PSOE introducía “unilateralmente” na mobilidade da zona monumental, segundo informaron nun boletín remitido a todas as casas.

A norma recolle os cambios que o goberno local pretende realizar na normativa en vigor, incluída a ampliación da ORA a algunhas zonas da cidade. A ordenanza prevé 151 prazas de zona azul- ORA, de pago- en Praza Alfonso IX, Rúa Rolo, Doutor José Fariña, Avenida Jesús García Naveira, Pintor Seijo Rubio, Frade, Venezuela, Profesor José Antonio Míguez, Cascas e Praza Padre Francisco Blanco. Poderase estacionar na mesma rúa un máximo de cinco horas e manterase o horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

O goberno do PSOE pretende convertir este estacionamento irregular en algo autorizado

O executivo pecha así a porta á xestión directa, dado que delega nunha concesionaria a prestación do servizo. Entre outras obrigacións, a empresa deberá implantar un dispositivo que permita anular as multas da ORA durante as tres horas seguintes á súa imposición.

A normativa regula por primeira vez o parking exprés no centro histórico, a denominada zona vermella. O borrador da ordenanza prevé 56 prazas, repartidas nas rúas San Francisco (6), Azougue (4), Travesa (9), Pescadería (2), Nova (9), Pérez Andrade (8), Santiago (7), Castro (8) e Prateiros (3). O Concello propón instalar estacionamentos gratuítos de alta rotación no que só se poderá aparcar durante 45 minutos.

O Concello xa iniciou os trámites para contratar a instalación dun sistema de control de tráfico no centro histórico mediante lectores de matrícula, que financiará por medio dun plan de obras da Deputación. Segundo recolle a memoria valorada, este sistema afectaría as rúas Roldán, Castro, Travesa, Azogue e ás prazas da Constitución, Fernán Pérez de Andrade e Prateiros. As cámaras detectarán a entrada e saída dos coches, calcularán o tempo que permanece estacionado e emitirán un aviso no caso de que supere o tempo establecido para a zona. O sistema de control de tráfico dispoñerá dunha base de datos coas matrículas dos vehículos estacionados e un dispositivo para detectar os coches mal estacionados.

Advertisements