O goberno local volve solicitar a cesión da Casa Sindical prometendo rehabilitala

A casa sindical ao pouco de ser construída segundo o deseño de Tenreiro

O goberno local anunciou que acaba de volver a solicitarlle ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social a cesión da casa sindical, situada na avenida da Coruña e tapiada hai anos a causa dos destrozos no local de CC.OO. Logo de anos recibindo negativas, desta volta o executivo socialista comprométese na solicitude a rehabilitalo e correr co seu mantemento caso de lograr a cesión.

O inmoble está afectado ao patrimonio sindical e cedido polo Ministerio en función da lei ás centrais sindicais UGT- que ocupa o baixo-, CC.OO.- primeiro andar- e CIG- segunda planta-, ademais da confederación de empresarios que ocupa a que orixinalmente foi vivenda do vixiante. O goberno local considera que pola súa localización esta construción ten moitas posibilidades de reutilización, para fins sociais, culturais e recreativos. Tamén se planea deixar un local para que o usen veciños da asociación A Condomiña que están utilizando o local social da Angustia.

O tema saltou no último pleno no debate dunha moción do PP que pedía ceder un local precisamente a esta entidade, sen concretar cal nin onde. No transcurso do debate, BN defendeu desafiuzar ás organizacións sindicais do edificio e cedelo a entidades, presentando unha emenda ao acordo nese sentido. O BNG cuestionou que a marca local de En Marea apostase por privar á veciñanza do servizo que dan os sindicatos e optou por propoñer a adquisición e rehabilitación da fábrica da luz para estas cuestións.

A emenda de BN foi rexeitada polo PP, e o pleno aprobou a moción tal e como os conservadores a presentaron. Mais o goberno local aprestouse a cumprir o contido desa proposta non aprobada de BN e demandar a cesión da casa sindical, previo desaloxo das centrais obreiras. “A emenda vai saír adiante, éme igual se ma acepta ou non”, xa advertira o voceiro de BN no debate ao grupo propoñente, vaticinando que o goberno local se pregaría ao que eles din.

 

Advertisements