Unha imaxe de San Cosme gaña o certame de fotografía turística da Deputación

Capela de San Cosme, no monte de San Antón, en Irixoa

Irixoa, A Coruña e Muxía son os tres destinos fotografados nas imaxes gañadoras do I Premio de fotografía turística da Deputación da Coruña que hoxe se decidiu na sede da institución. Yago Iglesias, Nacho Romero e Marcos Boedo son os gañadores da primeira edición do certame. Un xurado composto polos fotógrafos Vítor Mejuto e Víctor Echave, as técnicas da área Maite Loureiro e Paula Cabado co deputado de Turismo, Xosé Regueira como presidente e o xefe do servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego, Rafael Aguado como secretario escolleron as fotografías gañadoras entre o total de 187 presentadas polas 68 persoas participantes.

A titulada “San Cosme de Irixoa”, de Yago Iglesias García, resultou a gañadora do 1º premio por ser, segundo o xurado “unha imaxe atemporal e serea, que fala de patrimonio e historia”. O deputado da área de Turismo, o nacionalista Xosé Regueira, destacou a alta participación no concurso na súa primeira edición. “A imaxe é unha das maneiras de promover os distintos destinos de grande beleza paisaxística e monumental e, nese sentido, o concurso respondeu aos obxectivos e captou a través das cámaras o potencial turístico que temos”, destaca ao tempo que anota o grande impacto na xestión turística que tivo a popularización da fotografía nos últimos anos.

Advertisements