A Rede Cultural da Deputación convértese no principal distribuidor do audiovisual galego

O filme de animación “Maimiño e o espello máxico” é o máis solicitado polos concellos dentro do novo programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Máis de cen proxeccións distribuirán o cinema galego polos concellos. Das 189 películas solicitadas polos concellos dentro do novo programa Visións da Rede Cultural da Deputación, un total de 104 son de produción propia galega, superando a metade das solicitudes que marcaban as bases da convocatoria.

“Maimiño e o espello máxico”, a produción de animación galego-cubana dirixida por Ernesto Padrón e que contou coa música de Silvia Rodríguez, Uxía e Xoán Curiel alcanzará nos próximos meses máis de vinte proxeccións en distintos concellos, tres anos despois da súa estrea. A seguir, “A praia dos afogados” de Gerardo Herrero, adaptación da novela de Domingo Villar, que chegou en 2015 a vinte salas comerciais galegas verase en dezaseis concellos grazas ao novo programa da Deputación da Coruña.

“O apóstolo” con 8 proxeccións, “A Esmorga” con 5, ou “Contando a Carlos Casares” con 7 son algúns dos filmes que integran a listaxe de solicitudes dos concellos que formarán parte das súas programacións culturais. Ademais das solicitudes da produción galego-cubana, a animación infantil na nosa lingua continúa a ser demandada segundo as propostas da Rede Cultural e así películas como “O bosque animado” chegarán a Cambre, Sada, San Sadurniño ou Vimianzo mentres “O soño dunha noite de San Xoán” irá a Carnota, Vimianzo e Fisterra e veremos “A tropa de trapo” por San Sadurniño, Vimianzo ou Carnota. A listaxe inclúe tamén títulos premiados do Novo Cine Galego como “Mimosas” de Oliver Laxe ou “Costa da Morte” de Lois Patiño e documentais como “Frankestein 04155” de Aitor Rei ou “Esquece Monelos” de Ángeles Huerta.

En Betanzos proxectaranse, segundo se publicou no BOP, “O Apóstolo” e “Maimiño e o espello máxico”.

“O obxectivo do programa era contribuír á distribución do cinema galego en destinos aos que tiña dificultade para chegar e iso conseguiuse nesta primeira edición mais seguiremos afondando en novas convocatorias xa que o programa Visións responde á filosofía da Rede Cultural de achegar propostas de calidade e tamén ao interese por promocionar e buscar público para as producións galegas”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín. Idica, ademais, que “o apoio ao audiovisual galego, e dentro deste ao que se fai en lingua galega, está a ser unha liña estratéxica no traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña”.

Advertisements