Cesáreo Sánchez Iglesias presenta o seu novo poemario o mércores en Biblos

O magnolio centenario da praza de Lanzós vese desde a vitrina da Libraría Biblos

O poeta Cesáreo Sánchez Iglesias presentará este mércores desde as oito do serán o seu novo poemario na Libraría Biblos. O volume, titulado “Tempo transfigurado: o canto das sereas” está publicado na colección Tambo do selo Faktoría K de Libros, de KALANDRAKA. Na presentación o autor estará acompañado pola poeta Berta Dávila e polo director de Tambo, Luis Rei Núñez.

Con esta obra, Cesáreo Sánchez Iglesias emprende unha viaxe arredor da música: os 70 poemas deste libro están inspirados nas melodías doutros tantos compositores, de moi diversas cronoloxías e estilos, dende Schubert e Vivaldi ata Bob Dylan e Patti Smith, pasando por Marcial del Adalid e Andrés Gaos. Os instrumentos, comezando pola voz, os temas que conforman a banda sonora da humanidade, e mesmo as biografías dos creadores, están presentes nos seus versos.

Activista cultural de ampla traxectoria, fundando e encabezando colectivos comprometidos con Galicia, Cesáreo Sánchez Iglesias foi director de edicións de A Nosa Terra e actualmente preside a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), cargo no que sucedeu a Uxío Novoneyra. Estreouse como poeta en 1978 coa obra “Silencios e conversas de inverno”. Dende entón, ao longo das últimas catro décadas, vén sendo fiel a este xénero literario, no que publicou títulos tan sobranceiros como “Ortigas da memoria” (1985), “O rostro da terra” (1996), “O rumor do distante” (2001, Premio Esquío), ou “Caderno do Nilo” (2013, Premio Losada Diéguez).

Advertisements