Fernández responsabiliza aos funcionarios de Persoal de non poder aplicaras melloras do convenio

Diego Fernández é o concelleiro de persoal e economía de Betanzos

O pasado 14 de xuño o concelleiro de persoal finalmente recibiu aos integrantes do  Comité de Empresa, logo de que solicitasen unha xuntanza co alcalde ante a súa negativa a entrevistarse cos representantes dos empregados municipais. Os traballadores demandaron ao edil de persoal, o socialista Diego Fernández, que o executivo achegue “información sobre diversas antigüidades pendentes de recoñecer”, que segundo a CIG “o concelleiro comentou que non se dan recoñecido polo colapso do Departamento de Persoal”. Segundo a Intersindical Galega, isto está impedindo aos traballadores adquirir dereitos ao abeiro do novo convenio colectivo e instaron ao goberno local a tomar nota de como se tramita este asunto noutras Administracións.

Precisamente este foi un dos motivos que levaron aos representantes dos traballadores a demandar a reunión urxente da Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio Colectivo para “tratar temas relativos á interpretación do convenio no relativo á cláusula transitoria primeira, ao anexo III, á negociación de xornada e horarios e aplicación do horario de conciliación” e reclamaron tamén a convocatoria da Comisión Paritaria de Igualdade.

Do mesmo xeito, reclamaron ao concelleiro de persoal que se cubran as baixas de limpeza e que se contratase persoal por acumulación de tarefas e que se pagasen as horas extraordinarias pendentes, “tendo en conta que en casos como a Escola Infantil Municipal foi a propia concelleira a que chegou a un acordo para cubrir as necesidades do servizo con horas extraordinarias que ademais se deberían cobrar e non desfrutar”.

“Tamén se solicitou que se lle comunicase por escrito aos traballadores e traballadoras que non poden ter redución de xornada por motivos de servizos e que terían a compensación pertinente” indican desde a CIG, dando a entender que actualmente este tipo de traballadores estarían a recibir a calada por resposta ou, no mellor dos casos, unha negativa de palabra que non se pode recorrer ante ningunha orde.

Advertisements