Polémica polo estacionamento no Casco Histórico

Coches aparcados na praza de Santa María, un dos lugares onde se propón instaurar o Parking exprés

Continúa a controversia sobre o aparcamento no Casco Histórico e ata onde abrir a man á presenza de coches no principal recurso turístico da nosa cidade. PP e BN terciaron esta fin de semana no debate sobre a mobilidade no Casco Histórico a conta da ordenanza que aúna ORA e parking express que o goberno local puxo en trámite de información pública previa á aprobación, segundo obriga a nova lei de procedemento administrativo. Ambas formacións cuestionaron que o executivo local amosara  o proxecto para implantar un modelo de parking exprés no Casco Histórico, pedise aportacións e valoracións a cada partido  e despois actuase sen telos en conta para nada.

O PP recolleu os argumentos que o BNG enviou hai 15 días a todas as casas nun boletín no que valoraba este asunto para cuestionar que o Concello solicitase á Deputación unha subvención de máis de 36 000 euros para a adquisición dun sistema de control de tráfico con lector de matrícula para a zona histórica. Para a dereita, supón unha “clara e obvia mostra de que o executivo socialista xa ten decidido o modelo a implantar”. Sostén o PP que non serve de nada que agora o goberno local colgue na web a ordenanza para que os veciños presenten enmendas, cando xa está todo decidido.

Nunha liña similar amosouse BN, ao denunciar que as súas achegas ao borrador da ordenanza de tráfico non foron tidas en conta polo que “ve imposible apoiar” este documento que se realizou “de forma unilateral polo goberno”. BN demanda non instalar o parking expres nas rúas do Castro e Travesa porque “son as únicas rúas peonís que ten Betanzos”. Porén, ven ben a posibilidade de instalar aparcamentos noutras rúas da zona monumental.

O BNG denunciou esta “política de feitos consumados” cando o pleno aprobou a proposta de obras para o POS, o pasado mes de febreiro. De feito, o seu concelleiro foi o único que votou en contra do paquete de actuacións presentado polo goberno local precisamente por incluír “pola porta de atrás” a instalación das cámaras no Casco Histórico para controlar a circulación, denunciando que con esta obra o goberno local amosaba ter tomado xa unha decisión ao respecto. Os nacionalistas publicaron tanto o proxecto do parking expres do goberno local coma o borrador desta ordenanza e o proxecto das cámaras, recordando a súa proposta de mobilidade alternativa para a zona monumental, da que semellan beber parte das críticas de outras formacións.

O goberno local agardou a ter aprobado polo pleno o proxecto de instalación de cámaras no Casco Histórico para facelo público, tras reprochar o secretismo o edil do BNG no transcurso dese pleno. Das restantes propostas- parking expres e ordenanza da ORA- nin o executivo nin ningún outro grupo da Corporación entregaron ao dominio público os textos, exceptuando esta semana cando o PSOE decidiu cumprir coa obriga legal do trámite de información previa a afectados para poder tirar adiante coa normativa que leva tempo xa decidido a aplicar.

Advertisements