O BNG advirte de que a inseguridade xurídica do plan de San Marcos pode acabar en indemnizacións contra Abegondo

Imaxe da proposta do goberno para ordenar a zona do Centro de Abegodo

O BNG presentou as súas alegacións ao Plan especial de reforma interior do solo urbano non consolidado UU-R13 en San Marcos que se atopa en período de exposición pública. Advirten os nacionalistas da inseguridade xurídica que supón aprobar un Plan especial co PXOM anulado e pendente de resolución de recurso diante do Tribunal Supremo. “Aínda que o Plan Xeral segue en vigor desde que o pasado mes de xaneiro o Tribunal Supremo anunciara que admitía a trámite os recursos de casación presentados polo Concello e pola Xunta de Galiza e até que non se resolva este recurso, a situación de inseguridade xurídica creada non recomenda aprobar neste momento novos instrumentos de ordenación”, explicou a portavoz do BNG, Cristina López.

“Malia que a nova Lei 2/2017 de medidas da Xunta nos seus artigos 84 e seguintes tenta mitigar as consecuencias e a inseguridade derivada da anulación do planeamento urbanístico, neste caso, para poder acadar firmeza as actuacións derivadas do Plan Especial, no suposto de anulación do PXOM que desenvolve, tería non só que estar aprobado o PERI senón o reparcelamento, a urbanización e as licenzas de edificación antes de que dite sentenza o Tribunal Supremo, e se isto non sucede, o Plan especial veríase en principio tamén afectado coas consecuencias económicas e indemnizatorias que podería sufrir o propio concello de Abegondo, encargado en grande parte de sufragar os gastos de urbanización, ademais da propia inseguridade xurídica que se xeraría”, engadiu a portavoz nacionalista.

“Por todo isto, entendemos que por un principio de prudencia e tendo en conta que non se trata de actuacións urxentes entendemos que sería mellor agardar a saber en que situación queda a ordenación urbanística xeral do concello antes de aprobar este Plan Especial”, indicou Cristina López.

Dende o BNG alegaron tamén o decrecemento poboacional como factor que faría innecesaria a construción de nova vivenda. “O Plan especial que se propón está fora da escala do Concello, cunha tipoloxía e volumetría excesiva para un núcleo de poboación como San Marcos onde a maior parte da vivenda segue sendo unifamiliar”, concluíu a portavoz do BNG.

Advertisements