O goberno local impón un sistema de cita previa concertada para acceder a Servizos Sociais

As dependencias de Servizos Sociais están nas Escolas García Irmáns

O goberno local informou a través dun comunicado que o departamento de Servizos Sociais ven de implantar un sistema de cita previa para atender á veciñanza. A concelleira da área, María Barral, explicou que a actual situación demográfica e socioeconómica propicia un cambio de perfil das persoas usuarias de Servizos Sociais, incrementando as necesidades de atención ás que debe dar resposta o sistema de Servizos Sociais, polo que se expón a obrigación de levar a cabo unha reestruturación deste servizo, “que nos permita dar unha resposta eficaz ás necesidades dunha sociedade complexa e cambiante, de forma que esa reestruturación redunde na prestación de mellores servizos á veciñanza, garantindo unha atención de calidade é sustentable”.

O establecemento de cita previa para a atención á cidadanía suporá, a xuízo do goberno local, “unha mellora substancial cara aos usuarios e usuarias do programa, e reducirá as esperas que se producen no centro e asegurando sempre a presenza dos e das profesionais ás que se dirixen”. A cita previa pódese solicitar nas dependencias municipais de Servizos Sociais ou ben por teléfono: 981 770 707 ou polo correo electrónico: citaservizos.sociaisARROBAbetanzos.net

“De cara ao equipo técnico este sistema permitiralles coñecer de antemán a demanda ou a problemática da persoa ou familia que van atender, e, por tanto, preparar a entrevista e mesmo axilizar en ocasións os trámites demandados, ofrecéndolles unha atención individualizada, adaptada ás súas necesidades e coa calidade e duración necesaria segundo o caso” asegura no seu comunicado o goberno local. “Ao mesmo tempo, facilita a asignación da persoa profesional de referencia responsable do expediente social básico, xa que actualmente a atención organízase en función do recurso demandado, o que dificulta dar coherencia ao itinerario de intervencións e garantir o acceso aos diferentes servizos e as prestacións que necesite a persoa ou se é o caso, a súa familia” indican.

O executivo agarda tamén que este sistema de cita concertada mellore a organización da atención e o departamento, “permitindo planificar as tarefas e os tempos que se dedican a cada un deles, no que as traballadoras sociais tamén interveñen xunto a outros profesionais”.

Advertisements