Os sub22 do Santo Domingo, campións invictos de Liga

O Santo Domingo sub22 co seu cadro técnico

As categorías inferiores do Santo Domingo están amosando que 2016-17 foi unha grande tempada para o clube. Os sub22 veñen pedindo paso a berros cara o primeiro equipo tras gañar a liga na súa categoría con autoridade, sen perder un só encontro.

Co secto triunfo ante o Básquet Coruña,por 97-79, os filiais pecharon unha tempada redonda e mantiveron a tensión malia saberse xa campións matemáticos tras a derrota dos coruñeses ante o Rosalía compostelán no partido anterior, por dous puntos de diferenza. Malia iso, os betanceiros saían moi concentrados, e cun ritmo alto, bo nivel defensivo e acerto tanto en accións interiores como en exteriores. Tras triplo de Dani Martín, a renda situábase nun claro 16-3 (min 7). Instantes despois, Chiqui Barros, adestrador do conxunto coruñés, era descualificado por dobre falta técnica, ao protestar de forma persistente unha decisión arbitral. O encontro se trababa nos seguintes minutos, e os coruñeses comezaban a entrar en xogo, sumando nalgunhas accións rápidas e aproveitando vantaxes en situacións interiores (22-11 min 10).

No segundo cuarto, chegaba a mellor versión dos visitantes, que mostraban un bo xogo ofensivo, cun altísimo acerto desde o perímetro, sumando ata tres triplos de forma consecutiva. Os locais, centraban o seu xogo en Abdou Thiam, MVP do encontro, o que non evitaba que os laranxas chegasen a situarse por diante no electrónico tras triplo de Comendeiro (33-34 min 17). Minutos finais do segundo cuarto de intercambio de canastras, chegándose ao intermedio cunha mínima renda para os betanceiros grazas a unha canastra de Thiam (41-40 min 20).

Tralo descanso, os de Diego Fernández axustaban a súa defensa, freando durante moitos minutos aos coruñeses, o que lles permitía escaparse no electrónico, cuns minutos de bo xogo colectivo, anotación repartida, e acerto desde o perímetro. De novo desde o triplo, o Basquet Coruña recortaba distancias ao sumar outra vez tres triplos consecutivos. Nesta ocasión o Santo Domingo mantiña a súa mellor versión ofensiva terminando o cuarto cunha renda de trece puntos (69-56 min 30).

No cuarto final, o equpo local sentenciaba o partido cun gran arranque, tras dúas canastras de Thiam, e con triplos de Roque e un destacado Escobar (79-58 min 33). A partir de aquí, intercambio de golpes, con ambos conxuntos mostrando un bo xogo en ataque, ata terminar o partido cunha folgada vitoria para os betanceiros que selaban do mellor xeito posible a súa participación na liga sub-22 (97-79 min 40).

Cun balance de 6 vitorias e 0 derrotas, o Santo Domingo proclamábase este sábado campión da liga sub-22, por diante do Club Ourense Baloncesto (5-1).

Advertisements