Un total de 135 postos participarán na XX Feira Franca Medieval, nas rúas habituais

O goberno local anunciou que serán os mesmos 135 postos das últimas edicións os que se sitúen nas rúas habilitadas do Casco Histórico para participar na XX edición da Feira Franca Medieval, que terá lugar os días 7, 8 e 9. Nun comunicado de prensa informa de que a comisión técnica-cuxos integrantes son unha incógnita a xulgar polas denuncias dos nacionalistas- valorou durante os últimos días as solicitudes presentadas por profesionais,” ao redor de 350″. Destes 135 postos, o executivo indica que “25 estarán ocupados por representantes das asociacións de Betanzos que así o solicitaron- non se abriu ningún proceso público para poder realizar estas solicitudes a xulgar polo contido da web do Concello-; por postos de gastronomía que poxa o Concello e polos comerciantes que dispoñen de establecemento nalgunha das rúas nas que se desenvolve a feira”.

“Na valoración de autorizacións o Concello tivo en conta a traxectoria de cada profesional así como o cumprimento, en caso de participar en edicións anteriores, do regulamento da feira” asegura o goberno local no seu comunicado, explicando que “como xa ocorreu en anos anteriores, o Concello descartou outorgar máis permisos para manter a singularidade da feira e por cuestións de seguridade”. Aseguran que o elevado número viría amosar “o grao de consolidación desta cita” e recorda que as rúas habilitadas son as “zonas habituais” polo que tampouco neste aspecto esta XX edición innovará para sorprender.

O executivo anuncia, polas molestias que os traballos ocasionan, que o vindeiro luns, día 26 comezarán os traballos de ambientación das distintas rúas do centro histórico con “teas, estandartes e bandeirolas”. “Para a edición deste ano renovaranse escudos e teas” explican, indicando que “en total haberá máis de 300 bandeirolas e algo máis de 6 quilómetros de teas decorativas”.

En paralelo anuncian que está aberto o prazo para inscribirse como figurantes ou actores para as escenas históricas do programa, que volven ser, un ano máis, “o Tributo dos cen doncelas, a entrada na cidade do Señor de Andrade ou a expulsión dos leprosos”. Pretenden chegar a un total de 150 figurantes. As persoas interesadas en tomar parte activa nestas representacións  poden dirixirse ao propio Concello, á área de Cultura situada na Casa Consistorial, na praza da Constitución, para inscribirse. Uns días antes da celebración da feira realizaranse os ensaios. Poderán participar maiores de catorce anos. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 981 770 100 en horario de mañá, de nove a dúas da tarde.

Advertisements