Miño anuncia agora que aprobará o plan de axuste antes do 17 de xullo

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

O Goberno local de Miño, encabezado por Sánchez Oroza co apoio do PP,  anunciou agora a celebración dun pleno extraordinario o 17 de xullo para aprobar as medidas de aforro excepcionais que permitan reducir a súa desorbitada débeda. Despois de máis dun ano e medio negando a necesidade deste Plane e fiando o futuro económico do Concello á prorroga dos prazos de devolución do crédito o goberno decidiu dar un novo xiro á súa política económica e aprobar un plan económico-financeiro que garanta a devolución do préstamo de 12,5 millóns.

Segundo publica hoxe o xornal La Opinión, o Goberno local sopesa subir impostos como o IBI. O Goberno local aínda non avanzou as medidas concretas que ten previsto por en marcha para reducir a súa descomunal débeda cos expropiados de Fadesa e por outros pagos pendentes, como o último pago do canon de Piñeiro. O pago do préstamo de 12,5 millóns só supón unha parte da débeda que mantén cos expropiados, que ascende a máis de 25 millóns.

Intervención propoñía en decembro de 2016 subir a taxa de lixo e o IBI (este último entre un 20% ou 25%); suprimir axudas (incluída a de transporte metropolitano) e prescindir do persoal eventual, de traballadores temporais a conta do Concello e de postos vinculados a competencias externas. O alcalde descartou en varias ocasións a subida de impostos e o recorte de servizos que suscitaba o interventor e defendeu aproveitar os dous primeiros anos de carencia do crédito para adoptar só “medidas paliativas de aforro” (como unificar contratos) coa vista posta en que o Estado accedese a ampliar o prazo de devolución.

Sen noticias desa ansiada moratoria, o Concello debaterá en pleno verán un plan de axuste que conlevará recortes e, probablemente, subida de impostos. O PSOE hai meses que leva pedindo que se aprobe un plan de axuste para evitar a intervención do Concello. Pola súa parte o BNG sen representación na corporación insiste en que a veciñanza non ten que pagar “os pratos rotos da política do PP” e reclamou ao goberno que esixa responsabilidades patrimoniais ao PP, que foi quen tomou as decisións que provocaron a débeda.

Advertisements