Secretaría e Intervención revelan que en realidade Facenda advertiu de sancións de non devolver o empréstito en prazo

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño, coa deputada de En Marea Yolanda Díaz, que apoiou a demanda de alongar a devolución do prazo

Un informe conxunto da secretaría e a intervención municipais de Miño revelan que o Ministerio de Facenda advertiu ao goberno municipal de Miño de que reterá a participación nos tributos do Estado que corresponde ao municipio no caso de non devolver en prazo o empréstito de 12,5 millóns de euros que Fadenda concedeu ao consistorio para facer fronte ás indemnizacións de Costa Miño Golf.  A versión que ofreceron o alcalde, Ricardo Sánchez Oroza (MPA), o seu segundo Jesús Veiga (PP) e os senadores do PP presentes na xuntanza (entre eles o betanceiro José Ángel Rodríguez Prieto) era moi diferente: aseguraron que analizaran a posibilidade de que o Estado ampliase o prazo de devolución de 10 a 30 anos e posaron sorrintes en varias instantáneas difundidas polo PP.

Agora o informe de ambos habilitados nacionais amosa como de lonxe estivo o contido real da xuntanza do que o PP e o rexedor e o seu partido (MPA) contaron. Os responsables de Facenda lanzaron máis dunha advertencia sobre os riscos aos que se enfrontaba o Concello se non pagaba en prazo. “A Secretaría de Estado informou sobre as medidas que adoptarían desde o Ministerio no hipotético caso de que o ente local non adoptase medidas que permitisen atender as obrigas de pago derivadas do préstamo”, recolle o informe, que detalla que “segundo as advertencias do organismo estatal, o Concello experimentaría unha retención máxima do 50% da súa participación nos tributos do Estado a efectos de cubrir os conceptos impagados”.

A posibilidade de que o Estado reteña esta porcentaxe dos ingresos está avalada pola lei de sostenibilidade financeira e a retención dunha parte da participación nos tributos do Estado non eximiría ao Concello da súa obrigación de pagar a parte restante da cota. Para garantir o pago, Facenda instou a Miño durante a reunión- segundo o contido do informe das funcionarias- a presentar un plan económico financeiro 2017-2018 que permita corrixir os obxectivos de estabilidade presupuestaria e regra de gasto para o ano en curso e o seguinte e un plan de saneamento por toda a vida do préstamo, en concreto, de 2018 a 2025. De todo isto derívase que Facenda non contempla a ampliación do prazo de devolución ao que se aferra o goberno local, e para o que recibiu a visita e apoio de En Marea a través da congresista Yolanda Díaz.

A conveniencia de elaborar un plan de axuste que abarcase os dez anos do préstamo fora suscitada xa polo anterior interventor, pero a proposta foi rexeitada polo executivo, que alegou que os concellos só estaban obrigados a aprobar un plan económico-financeiro unha vez constatado o déficit na liquidación das contas. Este novo informe foi unha demanda do PSOE para aclarar os prazos da devolución e determinar os responsables do incumprimento. O “prazo para presentar o plan económico financeiro venceu o 28 de maio” indican as funcionarias e detallan que Alcaldía encargou a elaboración dunha proposta tras a liquidación das contas. “Esta Intervención traballa no expediente desde esa data, estando a súa finalización pendente de que o equipo de goberno concrete as medidas a adoptar”, revelan as funcionarias.

As habilitadas detallan no seu informe que lei de transparencia e bo goberno inclúe entre as infraccións moi graves a non presentación en prazo dun plan económico financeiro e que, segundo a normativa, a Alcaldía é o órgano competente para presentar o documento a pleno. O informe conxunto de Secretaría e Intervención ten data do pasado 15 de xuño. Cinco días despois, en pleno, o alcalde anunciou a celebración dun pleno o 17 de xullo para aprobar o plan económico financeiro.

Advertisements