San Xoán: ritos máxicos para a noite máis curta do ano

A Noite de San Xoan pintada por Castelao

Esta noite celébrase o solsticio de verán, a noite máis curta do ano. Unha festa de orixe pagá que nos conecta con milleiros de anos de historia como pobo, a través da festa do lume novo ata a Beltaine dos devanceiros castrexos. Comeremos sardiñas en broa, saltaremos por riba do lume e lavarémonos a cara, mañá antes de que saia o sol, con auga de manancial na que remollaron determinadas herbas con pretensas propiedades máxicas.

Son algúns dos ritos máxicos, panteístas e precristiáns que perviven nesta noite máxica onde aínda se queiman bonecos feitos de roupa vella. O lume purifica levándose o vello, pero fai desaparecer os mecos ou xoáns que nos falan de antiquísimos ritos que, contan, incluían sacrificios humanos. No noso país non é só o lume o centro da festa, son tamén a auga e o monte, que representa a natureza.

 

A auga é un vector de bos presaxios nesta noite, malia pasar desapercibida a carón do poderoso lume. Con auga de manancial- dunha fonte ou de sete distintas, segundo a comarca- hai que pór a remollo as herbas de San Xoán. E a ser posible, que reciban o relente da noite a descuberto para acadar todo o seu potencial máxico. É un ritual de vello que se potencia co plenilunio, porque os nosos devanceiros acreditaban en que esta auga desta noite leva tanto suciedade coma enfermidades, a representación máis cotiá do mal. O cristianismo situou moitas ermidas e capelas enriba dos mananciais máis máxicos da vella relixión panteísta, pero os ritos persisten: mouras a se peitear cabelos ao raiar o sol nas fontes- mesmo din que o nome de Fonte dos Ánxeles da betanceira puido ter por orixe santificar unha fonte de mouras-, baños en auga milagreiras ao fío da media noite… O rito máis famoso relacionado coa auga esta noite é, sen dúbida, o rito milenario do culto á fertilidade das célebres nove ondas na praia da Lanzada.

Pero hai máis. As nosas avoas aínda sacaban o gando esta noite ao prado para que o orballo os liberase de enfermidades todo o ano e foran propicias para a casa as bestas. Tamén é propiciatorio para as sementeiras, para curar a sarna e outras enfermidades da pel, para o cal hai que se espir e arrolar sobre a herba orballada antes de que raie o albor, pero logo vestirse con roupa de estrea- outra vez a destrución do vello e a apertura dun ciclo novo. Din que mesmo as meigas botábanse así para absorber o poder máxico deste relente, que tamén libra da couza a roupa de inverno se se pon ao relente esta noite.

A auga garda máis propiedades máxicas esta noite e Vicente Risco recolle a crenza na zona da Limia de que durante a noite de san Xoán poden escoitarse as campás da cidade de Antioquía, asolagada baixo as augas da lagoa de Antela por idolatría. A outra gran propiedade da auga esta noite é a flor da auga, a tona superficial que capta o baile do sol de San Xoán ao raiar o mencer, o que lle dá un poder sobrenatural que gardan para si as ninfas, xanas ou doncelas das fontes. Que son as mesmas mouras que se peitean con peite de ouro na mañá deste día. É a primeira auga do cano ao mencer a que dá este poder nas fontes e por iso hai que lavar a cara con ela ou collela para ter bo fado, nalgunhas comarcas usando unha póla de bieiteiro para gardar as propiedades máxicas.

A fonte dos Ánxeles está no camiño dos Caneiros

Do lume xa temos falado noutras reportaxes, e das propiedades sanadoras de saltalo e propiciatorias de afumar o gando ou esparexer as borras pola casa ou o eirado. Pero o lume máis alto, o sol, tamén ten propiedades neste mencer. Xa falamos do que lle confire á flor da auga, pero tamén é propiciatorio o baile do sol no mencer deste dia, din que de ledicia pola festa do santo, ou tal vez pola do lume novo máis vella. Había a práctica de subir a un monte a velo bailar ou tirar cara unha praia e ver o baile no mar. De aí o ditado de “na noite de San Xoán non te deites ata a mañán”, para cumprir con todos os ritos. Xa o Padre Feijoo recolleu esta tradición de ir ver bailar o sol e o feito de que noutros lugares —que non especifica— isto se fai na Pascua. Tamén en Italia existe o mesmo costume: en Abruzos crese que no sol nacente se pode ver a cabeza de san Xoán e en Sardeña, que no mencer o sol baila tres veces, tantas como botou no chan a cabeza do santo ó ser decapitado.

Baila o sol
pola mañán
de San Xoán.

San Xoán pediulle a Cristo
que nono adormentase,
para ver bailar-o sol
o día da súa romaxe.

No seu baile, di a nosa tradición, acompáñano as meigas xa que na noite de San Xoán, como na de San Silvestre, o derradeiro día do ano, as meigas acostuman a ir a xuntanzas co demo, e a introducir meigallos no corpo das persoas. unha das maneiras utilizadas polas bruxas é a traves do leite, polo que é preciso gardalo en lugar que fique fóra do seu alcanzo.

Tanta maxia conleva o poder de adiviñar as cousas que están por vir. Así, os nosos maiores din que se unha muller bota a clara dun ovo nun vaso de auga ás doce da noite, e deixa este durante toda a noite, ó mencer pode adiviñar con quen vai casar segundo a forma que adopte a clara callada: se semella un martelo, será un carpinteiro; se un barco, un mariñeiro, se unha engra, un ferreiro. Tamén se utiliza este método para adiviñar o futuro dunha persoa: se o que semella é un cadaleito, agoira unha morte próxima  e se é un corazón, un próximo amante; se un meniño, que vai ter fillos. Cando unha moza teña varios pretendentes, pode, igualmente, saber con cal deles vai casar: para sabelo ten de botar no vaso varios papeliños enrolados cos nomes dos distintos mozos. O que ó mencer apareza desenrolado será o futuro marido. Outra forma para recoñecer o futuro marido consiste en deixar na ventá unha pela de pataca: á mañá estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.

A moza que colla a flor da auga ao raiar a amañecida casará por volta dun ano. A que tome nove ondas seguidas na medianoite, empreñará no mesmo período. E tamén as herbas de san Xoán posúen propiedades premonitorias: deixadas sobre unha mesa durante toda a noite, se á mañá seguinte están verdes e frescas agoiran prosperidade na casa; se murchan, anuncian infortunios.

Esta maxia conleva, tamén, a inversión da orde cotiá: se na mañá de San Xoán o sol alcanza a maior forza e a maior sacralidade, na noite anterior o Mal ten tamén a maior forza e busca facer o maior dano á xente, ó gando ou ás colleitas. Nesta noite, as bruxas reúnense nos maiores aquelarres en areais, fontes ou encrucilladas e percorren as aldeas. Non só as meigas están máis activas esta noite senón tamén outros seres mitolóxicos: se se coloca un pano branco sobre un fento, á mañá poderémolo atopar cheo de trasgos. Para protexer as casas da acción das bruxas colócanse ramos de flores, cardos ou espadanas nas portas e ventás. As primeiras, polo seu recendo, combaten o Mal; os segundos fano coas súas espiñas e as terceiras coas súas follas, imitantes dunha espada.

Tamén, por esta razón, os mozos dedícanse a facer bromas e ridiculizar os veciños, collendo carros, arados, cancelas, dornas etc. e deixándoos nun lugar pouco accesible (como no medio do río ou sobre unhas escaleiras ou ben visible (como no adro da igrexa, na praza principal ou fronte ó concello). E tamén se evitan as encrucilladas e os castros, porque as mouras saen neste día á portada principal dos castros a pedir axuda para se peitear ou para ofrecer buscar a trabe de ouro que mantén o castro en pé. Hai daquel que trague o engano: enfeitizado de axudarlle a peitearse ou atoado nunha trabe de alcatrán que garda os tesouros dos mouros- nada que ver cos que poboaron Al Ándalus- da cobiza humana.

Son multitude de ritos que aínda se conservan e que, adoito, descoñecemos a súa procedencia pero que afunden as súas raíces no máis fondo da nosa propia historia, milleiros de anos atrás.

Advertisements