Aberto o prazo para pedir axudas á rehabilitación de vivendas no Camiño Inglés

Igrexa de San Martiño de Tiobre, no Camiño Inglés

A Xunta ten aberto o prazo para pedir as subvencións do programa de rexeneración e renovación urbana da ARI dos Camiños de Santiago para a anualidade de 2017 están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago. En Betanzos, contempla as parroquias de Santiago de Requián e San Martiño de Tiobre, non está incluida a Área de Rehabilitación do Casco Histórico: Casco Histórico, Área de Protección e barrios antigos da Magdalena e Nosa Señora dos Remedios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, tamén as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean en posesión da correspondente cualificación definitiva. O prazo para a presentación de solicitudes de subvención comezará rematará o 30 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario contido nesta convocatoria, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

As axudas contidas no Plan estatal 2013-2016 terán un importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder o 35 % do custe subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva. As axudas autonómicas terán un importe máximo de 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder o 10 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.

As solicitudes de subvención realizaranse mediante a presentación do modelo que pode consultarse no DOG, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberán dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou edificio. Na mesma orde poden consultar todas as actuacións que son susceptibles de axudas.

Advertisements