Conclúe unha campaña de educación viaria nos colexios da cidade

Sede da policía local betanceira nunha imaxe de arquivo

O goberno local deu por concluída a campaña de educación viaria dirixida a escolares que cursan segundo, cuarto e sexto de educación primaria. Segundo enfatiza nun comunicado, en total foron máis de 400 alumnos e alumnas de Betanzos e a súa comarca dos colexios Francisco Vales Villamarín e Nosa Señora do Carme, impartido polo inspector  da Policía Local Manuel Seijo Vázquez.

Segundo o executivo, a finalidade era fomentar “hábitos de conduta para respectar e cumprir as normas, evitar accidentes e garantir a seguridade”. Así, explicáronlles ao alumnado de segundo curso hábitos peonís (normas para circular por cidade, estrada, como cruzar a calzada…) e as condutas que deben adoptar como pasaxeiros de vehículos particulares, autobuses escolares e de liñas regulares. No caso dos cuarto e de sexto curso, ademais de incidir nas regras anteriores, introducíronos nas normas para conducir bicicletas e nos sinais máis sinxelos e usuais. Por último, aos de sexto curso entregaráselles un diploma conforme completaron os distintos cursos de educación viaria ao longo da súa etapa de educación primaria.

O obxectivo da campaña é tamén que de forma indirecta o alumnado inflúa no comportamento das persoas maiores, especialmente no referente ao uso do cinto de seguridade, sistemas de retención infantil e na prohibición de usar o móbil durante a condución. Outro dos obxectivos é que o alumnado perciba a proximidade dos policías locais e aumente a súa confianza nos corpos e forzas de seguridade á hora de requirilos polos problemas que poidan padecer ou para fomentar a colaboración cidadá para a resolución de feitos delituoso que poidan observar nun futuro.

A campaña enmárcase nunha serie de accións desenvolvidas pola Policía Local en materia de educación viaria e seguridade cidadá que incluíu tamén un programa dirixido, principalmente, a persoas da terceira idade aínda que nas actividades tamén participaron outros colectivos veciñais. O obxectivo non era outro que concienciar á poboación sobre as normas que teñen que cumprir os peóns, especialmente, á hora de “facerse visibles”, ademais de dar a coñecer ou lembrar normas básicas para mellorar a seguridade.

Advertisements