Miño reinicia a cuestionada contratación da limpeza das praias co verán recén comezado

Sanchez Oroza e Veiga-líder do PP- diante dun dos ‘chiringuitos’ que presentaron

O goberno de Miño acaba de cancelar o proceso de contratación da limpeza das praias que principiara hai uns días e a falta de apenas unha semana para que chegue o 1 de xullo e teña que comezar a prestarse o servizo. O executivo de PP e MPA cancelou a licitación tras denunciar unha empresa as irregularidades do prego. O goberno local nega este extremo e accede a falar de “erros” nas cláusulas do contrato, un negociado sen publicidade que só daba tres días de prazo ás aspirantes para presentar ofertas, entre outras singularidades.

O alcalde, Ricardo Sánchez (MPA), defendeuse  das críticas da oposición asegurando que a contrata, a pesar do reducido dos prazos e de que era un negociado sen publicidade, estaba colgada no perfil do contratante e que polo tanto era do  máis transparente e garantista da comarca. O  proceso negociado sen publicidade é unha fórmula que a lei considera excepcional. O goberno local presume dos “procedementos tan transparentes en materia de contratación” e incide que, neste caso, “mantívose un único criterio absolutamente obxectivo: o prezo”.

Desde a oposición, PSOE e BNG cuestionaron a contrata polo contido do prego. Os nacionalistas censuraron que coas condicións pedidas, o servizo había experimentar unha merma na calidade. Nos mesmos termos se manifestan os socialistas.

Advertisements