Dúas novas denuncias contra o Concello en Traballo por ocultar documentación

Diego Fernández, concelleiro de persoal co PSOE, nun pleno

O Concello de Betanzos acaba de recibir dúas novas denuncias ante a Inspección de Traballo pola negativa da concellería de persoal, que dirixe o socialista Diego Fernández, a entregar información ao comité de empresa. A CIG informou por medio dun comunicado no seu web da interposición dunha denuncia contra o Concello debido a que agarda, desde decembro de 2016, a que o goberno local entregue a documentación relativa ás horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral ao servizo do consistorio. Non é a primeira vez que este asunto é causa de controversia entre o executivo do PSOE e a central sindical.

A resistencia do goberno local a entregar documentación que está obrigado a dar é unha denuncia recorrente por parte da CIG, pero tamén por parte de outros grupos da COrporación. O BNG chegou a denunciar ao goberno local diante do Valedor do Pobo por negarse a informar das contratacións de empresas privadas para a limpeza das rúas e edificios municipais.

Ademais, a Intersindical Galega anunciou que os delegados de prevención de riscos do persoal laboral denunciaron ante a Inspección de Traballo  que o Concello non lles facilita o Plan de Emerxencia do Edificio Liceo, tanto no que acolle as Oficinas Xerais, Aula de Cultura, Salón Azul, Sala de exposicións e Oficina de Turismo. Sinalan que, tamén, levan meses agardando por esta documentación.

Advertisements