Javier Etcheverría deixa a presidencia de Abanca e pon fin a 300 anos de historia

Antiga oficina do Etcheverría en Betanzos e sede social de Abanca

Abanca seguirá tendo, cando menos por agora, a súa sede en Betanzos como recordo do banco que permitiu o desembarco no estado do seu máximo accionista, Juan Carlos Escotet- presidente do banco venezuelano Banesco. Pero a retirada da presidencia de Javier Etcheverría aos seus 85 anos ten un calado simbólico importante: con el vaise definitivamente o Banco Etcheverría, que foi o decano do sistema bancario de todo o estado. Con el péchase un tomo de 300 anos de historia, desde que un curtidor do Iparralde fundou unha curtidoría na Madalena betanceira e armou despois un banco familiar en 1717.

A presidencia de Abanca asúmea agora quen viña sendo vicepresidente da entidade, Juan Carlos Escotet. Escotet é o presidente do grupo venezolano Banesco, que se adxudicou en decembro de 2013 o 88,33% do capital da entón Novagalicia Banco (NCG) (resultado da fusión e bancarización do resultado da fusión de Caixa Galicia e Caixanova), por 1.003 millóns.

A marcha de Etcheverría foi anunciada este luns ao remate da xunta xeral de accionistas da entidade, onde os participantes tributaron unha prolongada ovación ao que foi presidente de Abanca desde o seu nacemento hai tres anos e cuxa marcha coincide co terceiro aniversario do banco que se fixo coas caixas de aforro galegas en 2014 iniciando o desmantelamento do sector financeiro galego. Á desaparición das caixas seguiulle a do Banco Gallego, logo o Banco Pastor- que seguiu operando coa súa marca no país ata a caída do Popular que o absorvera- e o Etcheverría, que se diluíu en Abanca, de capital participado maioritariamente polo venezolano Banesco.

Na súa intervención de despedida, na sé de Afundación nos cantóns da Coruña, Javier Etcheverría destacou que o Banco Etcheverría, fundado en Betanzos, foi “sempre un banco galego” e situou o servizo a Galicia como a súa principal “vocación”. Así é tamén a día de hoxe, segundo subliñou, Abanca: “absolutamente galega” e “envorcada” cos galegos, concibida como un “instrumento” para “o desenvolvemento e a prosperidade” de Galicia.

A xunta de accionistas de Abanca aprobou por unanimidade todos os puntos da orde do día da súa reunión ordinaria deste luns, na que estivo presente o 86,84% do capital. Nesta xornada quedaron aprobadas as contas do exercicio 2016 e outros apartados como a reelección de auditor de contas de Abanca Corporación Bancaria e do seu grupo consolidado á entidade KPMG Auditores. As contas reflectiron o pasado ano un beneficio neto de 333,6 millóns de euros, un 1,1% máis que en 2015. A xunta tamén aprobou a proposta de aplicación do resultado de 2016: o reparto duns 315,4 millóns de euros como dividendo.

Advertisements