Convocan unha concentración polo envelenamento de varios cans en lugares públicos

Un pastor galego, ou can de palleiro, branco

A morte de polo menos dous cans en Sada e Betanzos, vítimas supostamente de senllos envelenamentos ten disparado as alarmas nas dúas localidades. En Sada uns veciños atoparon a semana pasada penso mesturado con veneno depositado na contorna do paseo marítimo, mentres que uns días antes, denunciaron a morte en Betanzos, tamén por envelenamento doutro can.

A protectora de animais Gatocán convocou unha protesta para o vindeiro sábado 8 de xullo ás 12.00 horas fronte ao Concello de Sada. O colectivo exixe que se tomen medidas contra o desaprensivo que depositou o veneno nun parque de Sada, mesturado con penso para atraer aos cans. Gatocán denuncia que tamén apareceu raticida nas proximidades dun parque infantil, “ao alcance dos nenos”. O achado de veleno na contorna do paseo marítimo espertou a preocupación dos veciños, que nos últimos días instalaron octavillas na contorna para advertir dos riscos e denunciaron o caso nas redes sociais. A Garda Civil abriu unha investigación trala denuncia presentada polos donos dos dous cans envelenados.

Non é a primeira vez que algo así acontece en Betanzos. Durante varias tempadas alguén colocou cebos envelenados no paseo de Bullas, entre a Eira Vella e o parque do Xuncaliño. O BNG recolleu unha mostra deste produto e entregouno no rexistro municipal para que o goberno local puidese determinar o produto en setembro de 2013, advertindo que pola apariencia do veleno e a proximidade a un área de xogo infantil o problema podía pasar das mascotas aos cativos. Desde entón o goberno local asegura que naquela altura o BNG falou do envelenamento “masivo” de cans, cando aseguraron ter coñecemento de “varias”- que segundo o diccionario é un número indeterminado superior a dous.

Advertisements