O Concello inicia os trámites para formalizar o irmandamento con Bullas

Vista do Xuncaliño, no que finaliza o Paseo de Bullas

O Concello deu en Pleno un primeiro paso para o seu irmandamento co concello de Bullas, en Murcia, segundo informou onte o executivo local por medio dun comunicado. “Este suporá o mantemento de relacións de cooperación económica, social, turística, cultural, e calquera outras que resulten de interese para as partes e o desenvolvemento de proxectos de colaboración en áreas de interese común” explican, recordando que a relación entre Bullas e Betanzos remóntase entre os anos 70 e 80, cando unha docente betanceira e o seu marido foron trasladados a este municipio, onde iniciaron unha relación profesional e persoal cos veciños e veciñas de Bullas que profundizou con intercambios dos esuipos de fútbol locais, logo de agrupacións musicais de ambos muncipios e finalmente co intercambio de honras públicas no rueiro das dúas cidades.

Segundo o goberno local, a semellanza en canto a poboación, o ter o viño como un elemento esencial da agricultura ou “a Semana Santa de ambas as localidades, con séculos de historia e de interese turístico en ambas as rexións e como non, a gran beleza paisaxística de ambas as localidades” son outros nexos de unión entre os dous municipios.

“O obxectivo é potenciar as relacións de amizade e impulsar a colaboración recíproca en materias de interese común, constituíndo un Comité de Irmandamento, presidido por pola concelleira de Honras e Distincións, Ana Belén Veiga Pita, e composto polos representantes que designen os grupos que conforman a Corporación local (PSdeG-PSOE, Partido Popular, Betanzos Novo, BNG e Betanzos en Común), e polos veciños Daniel Suárez Abella e Ana María Balibrea Cánovas que afianzaron ao longo do últimos trinta anos estas relacións de amizade entre ambas as localidades” indica o executivo.

Advertisements