O goberno local suma outra denuncia na Inspección de Traballo, agora por cesión ilegal

Diego Fernández, concelleiro de festas e persoal co PSOE, nun pleno

A CIG informou por medio dun comunicado no seu web que ven de presentar unha denuncia contra o Concello de Betanzos ante a Inspección de Traballo. Nesta ocasión, os representantes do Comité de Empresa do Concello formularon a denuncia diante “dun posible caso de cesión ilegal de traballadores dunha traballadora que ocupa un posto de traballo no segundo andar da Casa do Concello e que realiza labores administrativos relacionados coa Feira Franca Medieval desde comezos deste mes de xuño”.

“No Departamento de Persoal, logo de facer unha consulta verbal, teñen descoñecemento da existencia dun contrato do Concello con esta traballadora, polo que se deduce que foi contratada por unha empresa privada e ofrece os seus servizos nas dependencias municipais, traballando ás ordes directas de empregados municipais e con material do Concello, ademais de posiblemente con datos da cidadanía, o que é aínda máis grave” indica a Intersindical Galega.

“O goberno municipal ten pleno coñecemento desta situación posto que esta traballadora tamén recibe ordes de concelleiros directamente que optan por substituír empregados públicos por persoas contratadas a dedo ano tras ano e a través de diferentes empresas, diferentes empresas si, diferentes persoas non, o que demostra que hai un claro interese en que esta contratación non se realice baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade que rexen o acceso ao emprego público” explican.

Os delegados sindicais solicitáronlle á Inspección provincial que investigue a situación e tome as medidas que considere oportunas para atallar esta situación. A privatización de servizos foi un dos temas estrela no debate orzamentario que onte celebrou a Corporación. Mentres o BNG cuestionaba o excesivo gasto neste tipo de contratos, BN acabou admitindo que hai servizos que é preciso encargarlle á empresa privada dándolle un balón de oxíxeno ao executivo local.

Advertisements