O voto da Marea permite ao PSOE sacar adiante o orzamento

Dous grupos de En Marea na Corporación, BN e BeC, cos que o PSOE negociou en segredo o contido do orzamento. E dous grupos da oposición que, parafraseando a Bilardo, non merecen nin auga, PP e BNG. Para aprobar un orzamento precísase maioría simple, unha combinación á que os sete edís do PSOE podían chegar repetindo a votación do pasado ano e pechando as contas con BN e BeC e amarrando o voto de BN, dos dous ou o voto de BeC e a abstención de BN. E foi o pacto acadado.

Os dous grupos que En Marea mantén na Corporación, BN e BeC, foron decisivos para permitir que saíra adiante o proxecto contable do PSOE, de 9,2 millóns de euros, entrando xa no mes de xullo, con medio ano consumido. Tanto o PSOE, coma BeC e BN desfixéronse en loas ao proxecto por incrementar o gasto social en becas e axudas a entidades sociais ou de urxencia social. O PSOE asegurou que nas contas aparecen partidas para contratar o proxecto de rehabilitación do Pasatempo ou para elaborar o plan de protección do casco histórico e defendeu que o capítulo de investimento ampliarase proximamente con subvencións provinciais. O PSOE atribuíu o atraso en elevar as contas a pleno á demora do Estado en aprobar os orzamentos e defendeuse das críticas polas privatizacións de servizos apelando ás restriccións do Goberno central para contratar persoal.

Betanzos Novo e Betanzos en Común cuestionaron o retraso na presentación das contas pero as loubaron.  Ambos celebraron que o executivo incluíse varias das súas propostas e apelaron, entre outras, a reserva de 50 000 euros para proxectos participativos, e tamén o incremento en gasto social ou as melloras previstas en colexios ou equipamientos como o Alfonsetti ou bibliotecas. Ambas formacións celebraron tamén a inclusión de partidas para a redacción do proxecto do Pasatempo e o plan do casco histórico. A diferenza do pasado ano, non negaron xa que negociaran en segredo co PSOE o contido das contas cando os outros dous grupos da Corporación denunciaron que nin sequera o goberno local mantivera un encontro de “cortesía” para explicar o orzamento antes de levalo a pleno.

BN xogou nunha calculada ambigüidade para botar en cara que se incumprisen no pasado ano moitas das partidas que novamente figuran este ano e que aplaudiron e atribuíron ás súas propostas outra vez.

Desde a oposición, PP e BNG cuestionaron que o goberno local entregase o borrador hai sete días e que non lles convocase sequera a unha reunión. “Aínda que só fose por deferencia ou educación”, recalcou o popular José Ángel Rodríguez. O PP criticou a caída dos investimentos, o incremento das axudas a dedo e do gasto corrente.

O BNG criticou un orzamento de “dereitas” que “dispara” a privatización de servizos, as axudas a dedo e que destina máis a festas que a fomento de emprego. Os nacionalistas contrapuxeron os gastos previstos cos liquidados en 2016, moi superiores, para poñer en cuestión o suposto aforro en gastos de protocolo ou propaganda e a aplicación real doutros fondos, denunciando que o orzamento podía poñer o que fose “porque é o que nos queren contar” pero que en realidade as bases de execución do orzamento facultan ao alcalde para cambiar as partidas sen pasar a pleno, un argumento que recolleu posteriormente tamén BN, que se ben se amosou crítico coas privatizacións, defendeu derivar á empresa privada a redación de proxectos de obra cando o concello ten dous delinenantes, dous arquitectos e dous arquitectos técnicos en plantilla.

Finalmente, o orzamento saíu aprobado grazas aos votos das Mareas, co apoio de PSOE e BeC, a abstención pactada de BN e o voto en contra de PP e BNG.

Advertisements