O goberno local xustifica o incremento do gasto en festas no orzamento porque “crean dinamismo”

Diego Fernández é o concelleiro de festas e economía de Betanzos

O goberno local remitiu onte un novo comunicado de prensa para loar o contido do orzamento aprobado o pasado martes no pleno grazas ao voto das dúas marcas locais de En Marea- BN e BeC. Malia cuestionar en datas pasadas e na propia sesión os datos que verteu o BNG sobre as festas, o propio executivo local explica no comunicado que prevé gastar 40.000 para Entroido e Nadal,  200.000 euros nas festas patronais e 75000 euros para a Feira Franca Medieval, sumando os mesmos 315 000 euros que os nacionalistas reprobaron como un gasto excesivo en festas.

Xustifica un gasto tan elevado nunhas programacións que, sumadas xuntas, apenas fan un mes no calendario, o comunicado remitido polo concelleiro de festas e facenda sostén que este gasto en festas redunda “na economía local xa que xeran dinamismo e recursos para o pequeno comercio e a hostalaría social” e xustifica o incremento de gasto na Feira Franca Medieval porque “o Concello ingresa máis de 50.000 euros”.

 

Diante dos reproches por disparar o gasto en servizos privatizados, o concelleiro de Facenda, Diego Fernández, destacou que se trata dun orzamento  no que “se garante a prestación e a calidade dos servizos públicos, e no que ademais de manter e, nalgúns casos, aumentar o gasto social, inclúense actuacións en infraestruturas e equipamentos necesarios para mellorar o benestar da veciñanza, tanto os que residen no centro urbano como na zona rural, un orzamento no que se consolida a estabilidade económica, reducindo a débeda ata niveis que ata hai poucos anos serían impensables”.

Indica que as contas inclúen “partidas destinadas ao mantemento da axuda no fogar, ao transporte adaptado ou partidas dirixidas a persoas en risco de exclusión social”. No ámbito dos servizos sociais recóllense 35.000 euros para transporte adaptado, 6.000 euros para medidas dirixidas á asistencia de persoas refuxiadas ou 374.000 euros para axuda no fogar. Remarca, ademais, os 40.000 euros para mantemento do Vales Villamarín e os  53.200 euros para comedor da escola infantil municipal, 45.000 euros para o programa mañanceiros e comedor do Vales Villamarín.

Advertisements