A fin de semana comeza con Madamme Butterfly en directo desde o Teatro Real

O Edificio Arquivo transformarase esta noite nun teatro de ópera

Nunha iniciativa da FEMP retransmitida en directo desde o madrileño Teatro Real, a aula de cultura do Edificio Arquivo acollerá desde as nove e media do serán de hoxe a representación, vía streamming, da ópera Madamme Butterfly de Puccini. A entrada será libre ata completar aforo e, a diferencia dos grandes teatros de ópera europeos, non se exixe etiqueta para acceder ao recinto.

Os melómanos están de sorte esta fin de semana. Unha hora e media despois do inicio da ópera, outro xénero ofrecerá música en directo. Neste caso, no Café Lanzós da man de Blah. A cafetería da antiga praza da Verdura ofrece sesión dobre esta fin de semana, xa que o sábado, desde as doce e media do mediodía, terá lugar tamén unha sesión vermú para presentar o vermú galego Ciobra Premium Vermouth cos acordes de Hilda Rock & Álvaro Lamas. A bebida será servida polo coctelero galego Eduardo Mayo, nun evento organizado man a man por Cafe Lanzos e A Artesa da Moza Crecha, o posto delicatessen do mercado municipal.

O sábado haberá máis música aínda desde as oito do serán na praza. Será no XX encontro de bandas de música, no que participarán a salmantina de Villamayor e a Municipal de Betanzos. E os amantes das verbenas teñen unha cita en San Martiño de Tiobre, que celebra ao patrón coas orquestras Marimba o sábado e Charlestón o domingo, entre outras actividades.

A uns quilómetros escasos da praza do Campo, o campo da feira do Telleiro, en Paderne, acollerá a feira do viño branco lexítimo. Ademais de catas e do pregón de Moncho Borrajo haberá diversas exhibicións de maquinaria, artesanía e animais. Durará toda a fin de semana.

Advertisements