O BNG bergondés reclama que se limpen todos os camiños, non só os máis usados

Convento de San Salvador de Bergondo

O BNG de Bergondo demanda do Goberno Local a elaboración dun plan de limpeza dos viais públicos que garanta o bo estado das vías e a seguridade da veciñanza. “Un ano máis vemos como a pesar de contar con máis medios materiais, un novo tractor, 3 en total, a limpeza viaria continua sendo deficiente a estas alturas, o que amosa que se trata dunha cuestión organizativa” indicou o portavoz nacionalista David Carro.

Segundo nos puidemos informar pasouse de rozar os camiños nas parroquias preto das datas de celebración das festas patronais a limpar os viais que consideran que teñen maior afluencia de tráfico, deixando o resto para máis adiante, “este novo sistema parece a todas luces ineficaz, xa que conleva unha perda de tempo e un maior gasto en desprazamentos da maquinaria, que unha vez que esta xa nun lugar podería facer todo o traballo ata rematar, en lugar de ir dun a outro limpando tramos” engadiu o voceiro nacionalista.

Consideramos tamén que unha adecuada limpeza dos espazos públicos é un xeito de evitar o risco de incendios así como dar exemplo para os propietarios de parcelas abandonadas, aos que se lles debe requirir o seu acondicionamento.

 

 

Advertisements